Data de comezo: 01/10/2018
Duración: 2 meses (con incorporación posterior á spin-off)
Tipo de contrato: Xornada completa
Remuneración: a negociar

Esta contratación está enmarcada dentro do proxecto “XHS Platform” do programa “IGNICIA Proba de Concepto” da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que foi concedido á Universidade de Vigo segundo a resolución do 8 de agosto de 2017.

O programa “IGNICIA Proba de Concepto” ten como obxectivo por en valor e apoiar o desenvolvemento de aplicacións comerciais da investigación xerada polos centros de coñecemento.
O proxecto “XHS Platform” pretende levar ao mercado a plataforma multimisión para pequenos satélites desenvolvida pola Universidade de Vigo dende o ano 2008.

Durante a execución do proxecto “XHS Platform” na Universidade de Vigo a función principal do candidato será a de definir a estratexia comercial da spin-off dentro do plan de mercadotecnia, incluíndo a coordinación da elaboración da imaxe corporativa, dando apoio desta maneira á elaboración do plan de negocio. Para lograr este obxectivo e introducir ao candidato no sector, espérase que asista a eventos e realice visitas a potenciais clientes e socios estratéxicos, acompañado do equipo promotor.

Tras a constitución da spin-off o candidato terá dúas responsabilidades principais. A primeira será coordinar ao equipo comercial e a relación cos clientes, a negociación e o peche de contratos con eles para a consecución dos obxectivos do plan aprobado. E a segunda, realizar o seguimento do mercado e establecer de maneira progresiva contactos con clientes, socios e competidores co obxectivo de prover información necesaria para a estratexia da spin-off, así coma a identificación de novos mercados e novos produtos.

A continuidade do proxecto XHS Platform está supeditada á continuación da súa financiación por parte da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en función do cumprimento do calendario de actuacións e os fitos establecidos para o proxecto. Trala finalización do proxecto incorporarase á spin-off constituída como director comercial de existir acordo entre ambas partes.

Descrición do posto

O candidato responsabilizase, xuntos cos promotores da spin-off e o director xeral de:

  • Elaboración da estratexia comercial, dentro do plan de mercadotecnia.
  • Dirixir e controlar a execución do plan comercial, establecendo directrices.
  • Consecución dos obxectivos de crecemento e resultados.
  • Establecemento dunha rede de contactos multisectorial co propósito de xerar relacións con potenciais clientes, socios estratéxicos e canais.
  • Realización de ofertas comerciais co apoio dos servizos técnicos.
  • Pospor e executar plans e accións ligados á promoción e comunicación da marca, asistencia a evento sectoriais.
  • Liderar negociacións e xestión das contas chave.

Requisitos

  • Experiencia na elaboración e definición de estratexias comerciais, incluíndo a definición de produtos, servizos, canais , imaxe da marca, etc.
  • Experiencia en comercialización de tecnoloxía a grandes empresas.
  • Valorarase experiencia comercial no sector do espazo, tecnolóxico e/ou defensa.
  • Experiencia en xestión de pipeline de clientes.
  • Desexable experiencia en contornas internacionais.
  • Dominio do idioma inglés e dispoñibilidade para viaxar.

Criterios de Avaliación

O proceso de selección será realizado pola empresa Extend RRHH, contratada dentro do proxecto XHS Platform. O candidato deberá contactar coa empresa a través do seguinte enderezo electrónico descubriendo@extend.es, indicando a Ref. Director/a Comercial ALÉN. Aqueles candidatos que a empresa estime oportuno serán seleccionados para realizar unha entrevista persoal ou vía telemática cos responsables do proxecto.

  • Curriculum vitae (40%)
  • Experiencia específica (20%)
  • Entrevista (40%)

Comisión de avaliación

  • Presidente: Fernando Aguado Agelet (Profesor Titular de Universidade de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo)

As persoas interesadas deberán enviar a documentación requerida á dirección descubriendo@extend.es, indicando a Ref.Director/a Comercial ALÉN no asunto da mensaxe.

Data límite de recepción de candidaturas: 3 de setembro de 2018, 12:00 CET