Na última actualización da clasificación do “Academic Ranking of World Universities“, publicada recentemente por ShanghaiRanking, a Universidade de Vigo situouse por primeira vez entre as 200 primeiras universidades do mundo na área de Telecomunicacións da man de atlanTTic. Igualmente a UVigo entrou nese selecto grupo de 200 universidades na área de Enxeñería Eléctrica e Electrónica, onde a aportación de atlanTTic, en torno ao 60% da puntuación, súmase a investigación doutros centros da UVigo como CINTECX. A Universidade de Vigo é a única entidade galega presente en ambas categorías, nunha lista que inclúe 300 universidades no caso de Telecomunicacións e 500 en Enxeñería Eléctrica e Electrónica.

A clasificación baséase fundamentalmente no impacto da investigación que se publica nas revistas científicas do ámbito respectivo. Deste xeito, a Universidade de Vigo sitúase en cuarto lugar entre as universidades españolas e portuguesas en Telecomunicacións, so por detrás das Universidades Politécnicas de Cataluña e Valencia, e da Universidade Carlos III de Madrid. E todo isto cunha masa máis reducida de investigadores e publicacións que gran parte das universidades mellor valoradas, como poden ser Aveiro, Lisboa ou a Politécnica de Madrid, ademais das xa citadas.

O impacto da Universidade de Vigo en Enxeñería Eléctrica e Electrónica é igualmente notable, ocupando o sexto lugar entre as universidades ibéricas, nunha clasificación encabezada pola Universidade Politécnica de Cataluña. Esta clasificación está liderada a nivel mundial polo Massachusetts Institute of Technology (MIT), a Universidade de Stanford e a Universidade de California en Berkeley.

Máis información: ShanghaiRanking