Este mércores os socios do proxecto ADLES (Active Digital Learning Environments in Schools) reuníronse en Vigo nun evento multiplicador ao que asistiron tamén estudantes e docentes do IES Parga Pondal de Carballo e IES Politécnico de Vigo. En total, unhas 60 persoas para facer unha posta en común e avaliar o traballo realizado dende que arrancou o proxecto en setembro de 2017.

Evento multiplicador ADLES

A finalidade deste proxecto europeo é mellorar a calidade da educación ao proporcionar contextos de aprendizaxe máis motivadores, estimulantes e efectivos deixando atrás as metodoloxías tradicionais baseadas na transmisión pasiva de información que non potencian as competencias que precisa o alumnado para continuar con éxito a vida académica ou dar o paso ao mercado laboral, como explican os investigadores implicados.

Os responsables do proxecto explican que como resultados concretos, ADLES debe xerar unha metodoloxía validada de aprendizaxe activo empregando a ABP para escolas secundarias e vocacionais, así como a plataforma de ABP en liña, xa creada, que dá respaldo a esa metodoloxía a través da produción, almacenamento, uso compartido e reutilización dos problemas e desafíos que se empregan.

Máis información: DUVI