Entre as novas instalacións que se porán en marcha na Universidade de Vigo financiadas polas axudas para infraestruturas científicas está o laboratorio de tecnoloxías 5G, unha aposta por impulsar a capacidade de I+D do noso centro.
Esta nova instalación servirá para potenciar e reforzar a capacidade de traballo nas tecnoloxías amparadas baixo a etiqueta 5G. Está concibido como un laboratorio de investigación, que ao mesmo tempo pode dar soporte as colaboracións co tecido produtivo, como poden ser operadores de telefonía móbil ou xestores de infraestruturas de telecomunicación.

Os investigadores de atlanTTic viñan traballando nesta temática dende hai tempo, liderando e participando en proxectos nacionais e internacionais. Con este novo laboratorio reforzarasea capacidade de traballo en virtualización de funcións de rede, coexistencia de servizos, programabilidade dos dispositivos de comunicacións e caracterización do medio en novas bandas de frecuencia. Superaranse así as limitacións dos equipos actualmente dispoñibles para traballar con bandas de frecuencia elevadas, así como as dificultades para acceder desde o mundo académico a redes con características 5G.
A colaboración coa contorna de innovación verase igualmente beneficiada, con colaboracións previas e en curso con empresas como Cellnex, Telefónica ou Vodafone.

Ademais, refórzase con estas instalacións unha liña estratéxica para a Escola de Enxeñería de Telecomunicación, que o próximo ano académico estrea un novo Curso de Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración (5G).

Fonte: DUVI