O 71% dos alumnos estranxeiros de doutoramento estudan no campus olívico e o programa máis internacional de toda a universidade é o de Tecnoloxías da Información e Comunicación (DocTIC) da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións que suma 39 doutorandos estranxeiros, máis da metade de toda a matrícula.

Unha das razóns que explican a elevada presenza de foráneos en DocTIC é a aposta polos proxectos de cooperación con países en vías de desenvolvemento dirixidos polas profesoras Ana Fernández Vilas e Rebeca Díaz Redondo dentro dos programas de mobilidade Erasmus Mundus e Erasmus+.

Alumnas como Sheila Sánchez, que chegou a Vigo en 2015 e que está a punto de presentar a súa tese, recoñece que, aínda que a Universidade de Vigo non é unha universidade centenaria e de renome, está á vangarda tecnolóxica. Ademais, os profesores teñen experiencia e son novos, polo que son moito máis accesibles e abertos a novas ideas.

Carmen García Mateo, coordinadora do programa, asegura que o principal atractivo é a excelencia dos grupos de investigación que xogan en primeira liña internacional ademais e contar co uso do inglés como lingua vehicular.

Fonte: Faro de Vigo.