O investigador de atlanTTic, Marcos Curty xunto con outros investigadotes da Universidade de Toronto e da empresa de telecomunicacións xaponesa NTT, descobren cómo ampliar os límites dos sistemas de criptografía cuántica, a través dunha técnica que garante unha maior seguridade fronte aos cifrados convencionais.

criptografía

Na actualidade, as técnicas de cifrado convencionais, amplamente empregadas en internet, basean a súa seguridade na dificultade de resolver certos problemas matemáticos, o que fai que o avance da capacidade de cálculo, con ordenadores cada vez máis potentes, implique un risco neste senso. Non acontece así coa criptografía cuántica, técnica a través da que a información se codifica en pulsos ópticos e que “proporciona unha seguridade incondicional”, como explica o profesor do Departamento do Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic Marcos Curty. Non obstante, esta técnica vese limitada polas distancias máximas de transmisión que se poden acadar coas tecnoloxías actuais e que se situaban entre os 300 e os 400 quilómetros, ata que un experimento levado a cabo recentemente por Curty e investigadores da Universidade de Toronto demostrou que é posible “duplicar practicamente esas distancias de transmisión” ata alcanzar os 700 quilómetros.

Así o constatan no estudo publicado recentemente na revista Physical Review Letters, da Sociedade Americana de Física, “unha das revistas científicas máis prestixiosas neste ámbito”, que ademais recoñeceu este estudo coa etiqueta de “suxestión do editor”. O artigo, que o profesor da Universidade de Vigo asina xunto cos investigadores da Universidade de Toronto Xiaoqing Zhong, Jianyong Hu, Li Qian e Hoi-Kwong Lo, baséase á súa vez nunha proposta teórica que Curty publicaba este mesmo ano na revista do grupo Nature, npj Quantum Information, xunto a Hoi-Kwong Lo e o investigador Koji Azuma, da empresa de telcomunicacións xaponesa NTT.

Fonte: DUVI