As inscricións para asistir ao encontro virtual continúan abertas ata o 29 de setembro

O III Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña, CITIC, conta novamente con atlanTTic como entidade colaboradora. Nesta terceira edición, o director do centro, Martín Llamas Nistal, e a investigadora Laura Docío Fernández, forman parte do Comité Científico encargado de avaliar as propostas.

O evento celebrarase os días 8 e 9 de outubro de 2020, e debido á crise da COVID-19 farao de maneira virtual. O obxectivo é ser un punto de encontro para o debate científico, así como potenciar a colaboración entre universidades e grupos de investigación, e contribuír á divulgación de coñecementos entre a sociedade.

O congreso está destinado a persoal investigador junior, predoutoral e posdoutoral, que participarán nas sesións de comunicacións orais e nas sesións de exposicións de pósteres dos seus traballos de investigación. Os traballos están enmarcados nalgunha área do ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC): intelixencia artificial (aprendizaxe máquina; visión artificial; procesado da linguaxe natural; robótica intelixente; representación do coñecemento e razoamento), ciencia e enxeñaría de datos (Big Data, recuperación de información; sistemas de información; análise de datos; simulación e optimización), computación de altas prestacións: software HPC; infraestruturas Big Data; computación na nube); servizos e redes intelixentes (comunicacións inalámbricas 5G; IOT; comunicacións vehiculares e sistemas de transporte intelixente), e ciberseguridade.

Concederanse cinco premios de 300 euros destinados a recoñecer a calidade, a excelencia e a orixinalidade das comunicacións orais mellor valoradas por parte do Comité Científico. Ademais, os 5 mellores traballos presentados no congreso serán invitados a ser ampliados para a súa publicación como artigo científico no número especial “Advances in Information and Communications Technologies (ICT)” da revista open access “Apllied Sciencies”.

A inscrición é gratuíta e pecharase o día 29 de setembro. Para acceder ao información sobre o rexistro de asistencia e coñecer o programa completo do congreso visitade xovetic.citic.udc.es.