A segunda edición de CyberSec@GAL, o evento referente da ciberseguridade en Galicia, reunirá do 2 ao 5 de novembro de 2020 a profesionais que falarán sobre a normativa, solucións, retos e ameazas no campo da seguridade do universo dixital no teletraballo. O encontro está organizado pola Cátedra R en Ciberseguridade, froito da colaboración entre a empresa R, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña, e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e conta coa colaboración de atlanTTic, CITIC, ISMS Forum, COIT, Amtega e Gradiant.

Durante as dúas primeiras xornadas do evento haberá talleres online destinados a estudantes do SUG (Sistema Universitario de Galicia) e Formación Profesional co obxectivo de captar talento no ámbito da ciberseguridade. A terceira xornada consistirá nunha charla técnica para profesionais e no lanzamento dun ciber-Reto online, que outorgará un premio valorado en 500 €. A última xornada, “Riscos no teletraballo, será semipresencial e está dirixida ao ecosistema empresarial galego. Nela contarase con expertos internacionais e cunha mesa redonda específica nesta temática.

Para pechar o evento presentaranse os premios de CyberSec@GAL aos mellores traballos académicos a nivel Grao, Mestrado e Doutoramento na área da ciberseguridade e no ámbito do SUG. CyberSec@Gal premiará a excelencia académica do estudantado das universidades galegas cun premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade, valorado en 700 €; dous premios ao Traballo Fin de Mestrado en Ciberseguridade na UVigo e UDC, valorados en 400 € cada un; e dous premios ao Traballo Fin de Grao en Ciberseguridade na UVigo e na UDC, valorados en 300 € cada un deles.

Máis información e reserva gratuíta de praza nas xornadas en catedrarciberseguridade.com