Alumnado do programa de doutoramento DocTIC presenta os avances nas súas teses

Como cada ano e chegando o final de curso, o alumnado do programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (DocTIC) celebra a súa sesión anual de avaliación. Un total de 52 estudantes presentaron este venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación os avances na súas investigacións e explicaron ante unha comisión composta por docentes os puntos centrais das súas teses.

Este programa de doutoramento, promovido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de investigación atlanTTic, céntrase na formación de profesionais e investigadores no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e en xerar investigación de calidade e impacto internacional, así como en proporcionar á industria profesionais con coñecementos avanzados que lles permitan mellorar a súa competitividade a escala global. Como explica o seu coordinador, o profesor Manuel García Sánchez, “a avaliación anual é obrigatoria en todos os programas de doutoramento e, con ela, apróbase tamén o recoñecemento das actividades formativas desenvolvidas durante o curso, algunhas delas obrigatorias para poder ler a tese”. O que diferencia este programa de doutoramento doutros impartidos pola UVigo é que para presentar estes resultados optouse por organizar unha especie de “pequeno congreso internacional, no que o alumnado expón publicamente o seu traballo mediante pósters e recibe preguntas e comentarios do resto de asistentes”.

Este formato e o feito de desenvolverse toda a xornada en lingua inglesa, destaca o docente, serve ás e aos investigadores novos para aprender a “preparar, presentar e defender un póster cos seus resultados de investigación”. Ademais, ao longo da xornada poden ver como se desenvolven os seus compañeiros e “facilita a interacción, podendo ver como os máis experimentados abordan e resolven os problemas que se plantexan na súa investigación e, ás veces, incluso un método empregado por un vale para o problema de  outro”.

Ademais da presentación dos traballos, a xornada contou coa presenza do investigador da Universidade de Verona Manuele Bicego, que abordou nun relatorio o potencial para recoñecemento de patróns dos ‘random forests’, unha técnica de aprendizaxe automática que conta cunha capacidade de xeneralización moi alta para moitos problemas. Os encargados de darlles a benvida aos participantes foron o propio Manuel García Sánchez e a investigadora de altanTTic Yolanda Blanco, que presentou aos asistentes o funcionamento e liñas de traballo deste centro de investigación.

Un alumnado eminentemente internacional

Se ben nesta xornada participaron 52 estudantes, o programa de doutoramento DocTIC conta neste curso con 66 matriculados e matriculadas. Como explica García Sánchez, o alumnado que non presentou nesta xornada os seus avances é ben porque está de baixa temporal, ou ben porque acaban de depositar a tese. Dos que participan, tan só 20 realizaron a súa presentación en modalidade presencial, mentres o que resto optou por facelo virtualmente. E é que, como remarca o coordinador, moitos dos estudantes compaxinan a súa etapa de doutoramento co mundo laboral ou con estadías no estranxeiro. A isto únese o feito de que “máis do 60% dos nosos estudantes son estranxeiros”, unha circunstancia que se vén dando nos últimos anos pero que neste curso mesmo se incrementou.

Sobre os proxectos de tese presentados este venres, García Sánchez explica que “a temática é moi ampla, porque as TIC son tecnoloxías transversais”. Por exemplo, entre os traballos que se están a desenvolver neste curso “hai un número importante de teses relacionadas coa saúde e a detección de enfermidades, e tamén hai varias centradas na ciberseguridade e nos retos que impoñen as futuras comunicacións máis aló do 5G”.