Universidade de Vigo

atlanTTic asina con Gradiant un convenio que permitirá incrementar a colaboración en tecnoloxías avanzadas 5G

O centro atlanTTic da Universidade de Vigo e Gradiant, dous dos actores máis relevantes do eido das tecnoloxías 5G en Galicia, veñen de asinar un convenio de colaboración coa fin de incrementar a cooperación científico-tecnolóxica entre ambas institucións e a transferencia de resultados ao tecido industrial no eido das tecnoloxías 5G.

O obxectivo principal desta colaboración é a transferencia de resultados á industria, fomentando e facilitando a chegada da investigación ao mercado a través do desenvolvemento conxunto de tecnoloxías, demostradores e probas de concepto, xunto con outras actividades que, en xeral, faciliten a conexión dos investigadores e investigadoras coa industria e a aplicación práctica dos seus resultados. O documento contempla tamén a posibilidade de compartir infraestruturas, equipamentos e establece a posta en marcha dunha comisión mixta de seguimento, encargada de definir a folla de ruta.

Felipe Gil e Javier González Castaño, investigadores de atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, formarán parte desta comisión de seguimento xunto a outros integrantes de Gradiant. Tralo acordo, Gil, sinala que “Levamos moito tempo colaborando pero formalizar o acordo sempre axuda a dinamizar as cousas”. Neste eido, cabe destacar que atlanTTic conta con primeiro laboratorio de tecnologías 5G e posteriores de Galicia, desde o que se realizaron as primeiras probas piloto dunha rede 5G ultraavanzada única en Europa, ademais de ofrecer servizos de investigación aberta no ámbito das futuras comunicacións móbiles en colaboración con destacadas empresas do sector.