Universidade de Vigo

atlanTTic e Balidea ensinan á tecnoloxía a falar en galego con FalAI

Que unha persoa galegofalante poida interactuar co mundo dixital na súa lingua precisa do desenvolvemento da tecnoloxía que o faga posible e para que esta tecnoloxía entenda e fale galego son necesarias gravacións de voces (datasets), que permiten adestrar os algoritmos de intelixencia artificial que usan os axentes conversacionais por voz, en dominios como, por exemplo, a saúde ou os trámites administrativos, que resultan especialmente necesarios no caso das persoas maiores ou con algunha discapacidade. Nun informe que presentaron as investigadoras do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic da UVigo, Carmen García Mateo e Laura Docío Fernández, no marco da súa participación no proxecto europeo ELE (European Language Equality), púxose de manifesto que aínda queda moito por facer para que as tecnoloxías da fala en galego funcionen igual de ben que o fan noutras linguas nas que si se dispoñen de moitos recursos, como por exemplo o inglés.

É neste contexto no que nace falAI, un proxecto desenvolvido por atlanTTic e a empresa Balidea, que ten o obxectivo de recoller voces en galego que permitan xerar ferramentas de interacción co mundo dixital en galego. Co cancelo #A30frases, o centro de investigación e a empresa procuran a participación do maior número de persoas posible, que de xeito anónimo, graven a súa voz lendo 30 frases, indicadas a través da plataforma falai.balidea.com, coas que se compoñerá un corpus lingüístico que permita adestrar un asistente conversacional por voz. O proxecto foi presentado publicamente este mediodía no edificio Redeiras da UVigo, nun acto presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e no que tamén participaron a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a investigadora principal do proxecto, Laura Docío e o director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez.

Valderrama asegurou que “para a institución este proxecto é un auténtico orgullo”, ademais dun exemplo da colaboración público-privada e do compromiso das enxeñarías coa lingua. Pola súa banda, o director xeral de Balidea referiuse a falAI como un “fito importante tecnoloxicamente e por ser en galego, porque non hai ningunha tecnoloxía en galego”, razón pola que “sumará moito á tecnoloxía a fala”. Mentres, Abel Caballero felicitou aos promotores da iniciativa e emprazou a vigueses e viguesas e aos habitantes da área metropolitana e do sur de Galicia en xeral a participar no proxecto que permitirá “ que o diálogo que estamos mantendo de forma permanente coas máquinas, responda na nosa propia lingua e co noso propio acento”, dixo Abel Caballero.

Voces anónimas, diversas e con finalidade investigadora

“Temos o obxectivo de acadar 6.000 participantes, cumprindo ademais os criterios de que 30 horas de gravación correspondan a persoas de máis de 50 anos; 10 horas correspondan a cada provincia e cun equilibrio de xénero de 40-60%”, explica Laura Docío Fernández, investigadora principal de falAI, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo. Docío, xunto á catedrática do mesmo departamento, Carmen García Mateo, e ao tamén investigador e persoal do departamento de I+D+i de Balidea, Andrés Piñeiro Martín, conforman o equipo que está a desenvolver falAI. “O único requisito que deben cumprir as persoas que queiran participar no proxecto é que sexan maiores de idade. Canta maior diversidade de voces teñamos mellor”, sinala Docío, que sinala que as voces se recollerán de forma anónima, “non se recollen datos persoais sensibles que poidan identificar ás persoas participantes. Ademais, estas voces estarán dispoñibles con fins de investigación no ámbito das tecnoloxías da fala”, detalla a investigadora de atlanTTic.

Ademais de recadar voces que falen en galego, que permitirán xerar datasets neste idioma en dominios como a saúde ou os trámites administrativos, falAI tamén ten o obxectivo de facer un estudo que sirva de guía no deseño e posta en marcha de axentes conversacionais por voz en linguas con baixos recursos, con dasets moi limitados en canto ao número de horas de gravacións dispoñibles e á cantidade doutros recursos lingüísticos. “Un punto importante tamén é  o deseño destes conxuntos de datos (que frases gravar, o seu número, como medir e validar a calidade das gravacións de forma automática…) para poder adestrar os algoritmos de aprendizaxe que usan os axentes conversacionais por voz e utilizalos en escenarios con poucos recursos, como poden ser linguas minoritarias como o croata, danés, checo, búlgaro…”, explica Laura Docío.

As orixes do proxecto

O proxecto falaAI enmárcase dentro da colaboración que as investigadoras de atlanTTic, Laura Docío e Carmen García Mateo teñen en marcha coa empresa Balidea desde hai dous anos e que se formalizou coa concesión dunha axuda da Xunta de Galicia para o desenvolvemento da tese de doutoramento de Andrés Piñeiro no campo dos axentes conversacionais por voz en galego, en particular en aplicacións onde a poboación obxectivo sexa xente maior.

O equipo de investigación, conformado por personal de Balidea e as investigadoras da UVigo, tamén acadou 22.500€ de financiamento nunha convocatoria aberta do proxecto europeo European Language Equality-ELE para a contribución na Strategic research, innovation and implementation agenda for achieving full digital language equality in Europe by 2030 (SRIA). Na convocatoria seleccionáronse nove proxectos e un deles foi o presentado por Balidea, e no que ía como parte do equipo de traballo a UVigo, titulado Building E2E spoken-language understanding systems for virtual assistants in low-resources scenarios. “O proxecto ten como un dos seus obxectivos  a realización dun estudio sobre o deseño e posta en marcha de axentes conversacionais por voz en linguas de baixos recursos lingüísticos. A experiencia gañada con falAI é fundamental para a realización deste estudo”, explica Docío.