Universidade de Vigo

atlanTTic participa na presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia

O pasado venres 15 tivo lugar a presentación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, unha iniciativa chave que convertirá a Galicia en referente europeo e internacional no eido das comunicacións cuánticas no 2030. En representación do Centro de Investigación en Tecnologías de Telecomunicación (atlanTTic) e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo) asistiron á cita Marcos Curty, coordinador científico dos Plans Complementarios en Comunicacións Cuánticas (PCCC) de Galicia; Ana Fernández Vilas, coordinadora do Máster interuniversitario de Ciberseguridade-MuniCS, e Rebeca Díaz, directora da Escola.

O Polo de Tecnoloxías de Cuánticas de Galicia permitirá desenvolver e experimentar con tecnoloxías de computación e comunicacións cuánticas co obxectivo de catapultar á nosa comunidade a unha posición de liderado nunha tecnoloxía que suporá un novo paradigma para a transformación dixital. Como primeiro paso, a Xunta de Galicia adquiriu un ordenador cuántico para o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que vai a ser un dos máis potentes do sur de Europa. Os seguintes pasos serán a creación dun grupo de investigación en computación cuántica, catro laboratorios experimentais e achegar esta tecnoloxía ao sector aeronáutico galego a través do Polo Aeroespacial de Galicia. Pola súa parte, atlanTTic liderará unha unidade singular de investigación en comunicacións cuánticas con tres laboratorios experimentais especializados neste eido: un de comunicacións cuánticas vía espazo libre/satélites/UAVs; outro de comunicacións cuánticas por fibra e tecnoloxías de detección óptica; e un último de certificación e hackeo. Isto complementarase cun grupo teórico e outro de fotónica integrada.