O Día da muller e da Nena na Ciencia celébrase o día 11 de febreiro en todo o mundo e na Universidade de Vigo estará dedicado a dar visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as nenas e rapazas. Para conmemorar esta data, a institución programa, en colaboración coa FECYT, unha serie de actividades, tanto nos campus como en institutos, pensadas principalmente para as alumnas de secundaria. Trátase de que, por unha banda, coñezan a ciencia e a innovación que se desenvolve nos laboratorios da Universidade da man das mulleres que forman parte dos grupos de investigación e, por outra, de achegarlles referentes femininos no campo da I+D.
Estas actividades enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e da Unidade de Igualdade da UVigo.
Debate interxeneraciónal
O mércores 9 de febreiro terá lugar en Vigo unha charla interxeneracional que ten como finalidade poñer en contacto investigadoras de diferentes xeracións para compartir as súas experiencias como mulleres na ciencia. O debate comezará ás 19.00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés, e será de acceso libre ata completar a capacidade da sala. Nesta charla participarán:
- Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic.
- Talía Rodríguez Martelo, docente e investigadora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade.
- Cristina Delgado Núñez, docente e investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal.
- Susana Reboreda Morillo, docente e investigadora da Área de Historia Antiga.
Moderará o debate Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.