Universidade de Vigo

Francisco Díaz, investigador de atlanTTic, crea un xerador cuántico de números aleatorios para encriptar información

O chip, deseñado por Francisco Díaz Otero, utilizarase tamén para simulacións industriais ou médicas, así como loterías e apostas

O investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, Francisco Díaz Otero, acaba de lograr a patente internacional dun xerador cuántico de números aleatorios que poderá empregarse para protexer información en Internet, entre outros usos. En Europa só existe outro chip con funcións similares, aínda que o deseñado por Díaz é máis sinxelo e seguro.

Para o investigador do grupo Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, coñecido como grupo COM, é a súa primeira patente internacional. O chip poderá utilizarse en simulacións médicas, estatísticas ou industriais que necesiten estes métodos, así como en loterías e apostas. “En industria, segundo explica Díaz, o xerador poderá empregarse para simulacións de modelos nas que se necesiten xerar números aleatorios como por exemplo en loxísitca, mecánica, animacións por ordenador… e, en medicina, é de gran utilidade en farmacoloxía ou análise de mostras”.

A gran novidade do sistema ideado polo investigador de atlanTTic, segundo engade, “é a incorporación da mecánica cuántica para xerar números aleatorios puros”. O chip de Díaz, de catro por seis milímetros, poderá ser patentado a partires da evaluación internacional, en calquera país do mundo.

Francisco Díaz é profesor de Sinal e Comunicacións Ópticas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ademais de ser un dos investigadores promotores e impulsores do Center for Quantum Comunicatios Technology (QCTech), laboratorio especializado en comunicacións cuánticas e fotónica que se porá en marcha en Vigo nos próximos meses. QCTech, foi posible grazas ao traballo de investigación na seguridade en Internet baseada precisamente en supostos computacionais desenvolvidos polos investigadores de atlanTTic. Este laboratorio conta co apio da Axencia Espacial Europea (ESA), o Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Consorcio da Zona Franca de Vigo e diversas empresas nacionais e Internacionais como Alter Technology, Sener Aeroespacial ou VLC Photonics.

Así mesmo, Díaz Otero é tamén promotor de SPARC (Semiconductor InP Foundry and Advanced Research Centre), a futura fábrica e centro de I+D de Vigo especializada en semiconductores fotónicos e que conta co respaldo da Zona Franca de Vigo.

Estas dúas infraestruturas colocarán a Vigo á vangarda en tecnoloxías de futuro, das que se beneficiarán no só empresas senón a sociedade galega no seu conxunto.