Investigadores da UVigo desaconsellan firmemente a adopción inmediata de aplicacións de rastrexo dixital de contactos na loita contra a COVID-19

O debate xerado en Europa sobre a existencia de dous modelos de protocolos, o centralizado e o descentralizado, para implementar aplicacións de rastrexo dixital de contactos, como unha ferramenta para frear a expansión da COVID-19 e tamén utilizable no proceso de desescalada, levou a un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, encabezados polo catedrático Fernando Pérez González, a iniciar un estudo, que transcorridas dúas semanas “de traballo bastante intenso”, arroxan conclusións claras. “Canto máis estudabamos un e outro, máis nos percatabamos de que, unha vez, eliminada a hipótese dun estado que actuase como ‘Gran Irmán’, modelo de ameaza do que parte o protocolo descentralizado, ambos adolecían de graves problemas que ían moito máis alá do debate orixinal, ata o punto de chegar á conclusión de que, na súa concepción actual, a súa utilidade é moi limitada”, explica Fernando Pérez, investigador do centro Atlanttic da Universidade de Vigo.

Máis aló do debate e das críticas cruzadas entre os defensores e detractores dos dous modelos, os investigadores da UVigo inciden no feito de que boa parte dos defectos de ambos son consustanciais á combinación duns requerimentos de privacidade moi esixentes cun estándar de comunicacións (Bluetooth) que nunca foi pensado para ese fin. “Na raíz destas carencias atópanse uns requerimentos de privacidade que non son acadables cunha tecnoloxía que, como é o caso de Bluetooth Low Energy (BLE), nunca foi concibida para ese fin”, sinala o catedrático vigués, que lembra que xa hai países como Bélxica ou os Países Baixos que xa confirmaron que non as van utilizar, mentres que outros como Suíza apostaron claramente polo modelo descentralizado e Australia tamén puxo a aplicación en marcha, atopándose en plena campaña para acadar a súa descarga masiva.

Seguir lendo no DUVI