Universidade de Vigo

Investigadores de atlanTTic deseñan unha app que mellora a accesibilidade dos contidos culturais a persoas en risco de exclusión

Investigadores de atlanTTic deseñan unha app dentro do proxecto Erasmus+ Allure, cuxo obxectivo é o de facilitar o acceso a información de eventos culturais a persoas con discapacidade, migrantes, terceira idade ou con baixas cualificacións profesionais. Alfabetización Liberadora: Accesibilidade Universal en Recursos culturais para a educación permanente é o nome completo de Allure. Esta iniciativa da Xunta de Galicia está liderada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade. Súmanse como participantes ao proxecto a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial de Portugal, os Obradoiros de Cultura de Lublin (Polonia) e o Centro Téxtil Islandés.

Enrique Costa Montenegro, investigador de atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo) e docente da E.E. de Telecomunicación da UVigo, xunto a outros dous investigadores do Grupo DESIRE, representan á universidade neste proxecto, iniciado en 2020 e que conta cun orzamento de 170.000 €.

Información cultural accesible a través de CIMA

O proxecto contempla dúas actuacións no eido dixital: a elaboración dunha web (CIMA), e a creación dunha aplicación con actividades educativas accesibles para adultos. A app web CIMA (Cultural Information Made Accessible), foi elaborada polo Grupo GTI  de atlanTTic, e xa está dispoñible para o seu uso de balde. Calquera persoa, entidade e institución pode empregar CIMA en castelán, galego, portugués, inglés, polaco, islandés e ucraíno, para acceder a información sobre eventos e recursos culturais. A app require unha serie de datos sinxelos para despois xerar un documento PDF accesible a lectores de pantalla e que atende a diferentes aspectos como tipografías, tamaños, cores ou iconografías, entre outros.

Deste xeito, ponse a disposición dos e das programadoras culturais unha nova ferramenta que permite xerar de modo rápido e en diversos idiomas folletos que poidan ser lidos en PDF para ser accesibles a persoas con diversos problemas.

Accegal como punto de partida

O proxecto Accegal, que permite a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles, que Costa codirixe xunto á Fátima García Doval, foi o punto de partida de Erasmus+ Allure. Ambos detectaron a necesidade de facilitar o acceso aos eventos culturais a persoas adultas con discapacidade, migrantes, terceira idade ou con baixas cualificacións profesionais, que non os consideran unha alternativa de ocio real. A partir de aí, buscáronse asociacións culturais de diferentes países no que os modos de acceso á cultura fosen diferentes, a así formouse o consorcio do proxecto CIMA.