Investigadores de atlanTTic gañan dous premios nun congreso nacional de ciberseguridade

As Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridade (JNIC) deixan para a Universidade de Vigo moi bos resultados. E é que nesta cita, que é unha referencia nacional no eido da ciberseguridade, organizada pola Universidad de Castilla-La Mancha en colaboración co Incibe (Instituto Nacional de Ciberseguridad), os investigadores de atlanTTic acadaron dous premios por dous artigos presentados.

Por unha banda, o xurado outorgou o galardón ao Mellor traballo xa publicado ao artigo A review of Camera Attribution Forensic Analyzer in the Encrypted Domain, asinado polos investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións Alberto Pedrouzo-Ulloa, Miguel Masciopinto e Fernando Pérez-González en colaboración con Juan R. Troncoso Pastoriza, da Escola Politécnica Federal de Laussane (Suíza). A súa proposta foi seleccionada como a mellor entre 30 traballos presentados nesta categoría. No artigo, os enxeñeiros describen un sistema para resolver o problema de atribución de cámara, pero preservando a privacidade da información en todo momento. Este procesado seguro conséguese grazas a que os sinais involucrados están cifrados durante todo o proceso de computación. Polo tanto, a solución proposta permite coñecer dende que cámara determinada se sacou unha imaxe e, á súa vez, evita comprometer a privacidade da información involucrada. Os investigadores de atlanTTic explican que “aínda que o problema de atribución de cámara é xa coñecido, era a primeira vez que se resolvía traballando con sinais cifrados”.

Seguir lendo no DUVI