Máis dun cento de persoas visitaron atlanTTic durante a Xornada de Portas Abertas

Máis dun cento de persoas participaron na xornada de portas abertas do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, que tivo lugar o pasado venres 18. “Conecta con atlanTTic” foi o lema escollido para a xornada, unha actividade celebrada no marco do programa Divulgando Ciencia Singular. As persoas que asistiron á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde se sitúa o Centro, puideron coñecer de preto proxectos recentes e xa consolidados, e tamén visitar algúns dos laboratorios, da man do propio persoal investigador.

Comunicacións 5G, aplicacións accesibles, patrimonio 4.0, comunicacións ópticas ou intelixencia artificial, saúde e educación dixital, entre outras, son algunhas das principais liñas de traballo entorno ás que se centraron os proxectos presentados nun total de once stands. LifeTEC foi o proxecto presentado no tocante a radar e xeolocalización, unha iniciativa que pretende loitar contra os lumes forestais mediante o emprego de tecnoloxías de telecomunicación. No eido das comunicacións 5G, as persoas asistentes puideron coñecer as aplicacións á vida cotiá que poden ter un dron, un vehículo teledirixido e un robot cuadrúpede, e o funcionamento deste último en directo. SignaMed foi proxecto presentado de intelixencia artificial, o primeiro dicionario bilingüe de lingua de signos que permite consultar signos do eido médico cunha a webcam, que as e os visitantes puideron intentar imitar algún deles ante a máquina. Tamén puideron probar Panoramix, unha serie de xogos cognitivos para tabletas que permiten facer unha detección temperá de deterioro cognitivo en persoas maiores mediante técnicas de aprendizaxe automático. No campo das apps accesibles déronse a coñecer talkaactive e BEA, unha ferramenta para axudar a persoas que sofren Trastorno do
Espectro Autista no terreo laboral e un chatbot de acompañamento a persoas maiores, respectivamente.

Seguindo cos obradoiros da xornada, Litterdrone e BEWATS foron os proxectos presentados na área da observación da Terra, que permiten a teledetección de lixo mariño mediante o voo de drones, outro dos stands nos que se amosou unha destas aeronaves non tripuladas. Para o patrimonio 4.0 deuse a coñecer a app rurAllure, que facilita ás peregrinas e peregrinos a planificación das súas viaxes atendendo a preferencias culturais e ofrecendo contidos audiovisuais para enriquecer a súa experiencia. Na xornada estivo tamén a asociación estudantil UVigo Spacelab, ensinando maquetas e presentando as súas misións espaciais, BIXO a máis recente delas. No obradoiro de Detectives de imaxes a xente puido coñecer o funcionamento da ferramenta de análise de imaxe Fawrensian, que permite detectar posibles manipulacións. Finalmente, no eido da educación dixital presentáronse unha plataforma que facilita as tarefas de avaliación aos e ás docentes (BeA) e o lightboard, un taboleiro de cristal que permite un ensino máis transparente de cara ao alumnado.

Visitas guiadas aos laboratorios

Ademais do percorrido polos stands dos proxectos realizáronse tres visitas guiadas dirixidas polo propio persoal investigador. Este ano foi a primeira vez que as e os asistentes puideron achegarse ao laboratorio de fotónica, onde puideron ver de preto un chip fotónico, tocar un cable de fibra óptica e descubrir en trazos xerais o seu funcionamento. O laboratorio de seguimento de satélites abriu as súas portas de novo, onde o seguimento se pode facer en tódalas súas etapas dende o seu lanzamento e se reciben datos a tempo real. A última visita dos laboratorios foi ao de acústica, coa que as e os asistentes puideron comprobar que se escoita baixo o mar, mergullarse nunha cámara semianecoica e nunha sala de reverberación. Unha xornada chea de experiencias que puido desfrutar todo o público asistente de tódalas idades.