Universidade de Vigo

O proxecto Facendo 4.0 acada un 84% de execución no seu segundo ano con 117 accións realizadas e 18,8 millóns de euros investidos

O proxecto Facendo 4.0 (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital), liderado por Stellantis Vigo, atópase ao 84% de execución no seu segundo ano trala revisión do estado de avance das accións en curso realizadas polos socios. Xa son 117 as accións realizadas ao abeiro do proxecto no que se invertiu ata o momento unha cuantía de 18,8 millóns de euros. Na iniciativa participan o CTAG, Gradiant, Aimen e a Universidade de Vigo, a través dos centros atlanTTic e CINTECX. Cun periodo de execución de 31 meses, que remata en abril de 2023, os socios de Facendo 4.0 invertirán na súa totalidade 22,3 millóns de euros, cunha axuda pública de 12,2 millóns de euros da Axencia Galega de Innovación (Gain), e cofinanciado con Fondos FEDER da Unión Europea.

A iniciativa basea as súas investigacións en tres liñas diferentes. A primeira delas, a Fábrica do Futuro, pretende xerar novo coñecemento sobre procesos produtivos, flexibles, coa mínima pegada de carbono, para a fabricación de vehículos eléctricos. A segunda, o Vehículo do Futuro, basease no estudo de novos sistemas e interfaces conectadas e intelixentes que permitan o desenvolvemento de produtos innovadores e dispositivos para as futuras gamas de vehículos eléctricos. Finalmente, en materia de Conectividade e Infraestrutura IT investíganse e evalúanse as tecnoloxías asociadas á conectividade, a IoT e o cloud para mellorar as prestacións (dispoñibilidade, seguridade, automatización, axilidade) e a competitividade da infraestrutura IT que da servizo aos procesos e produtos.

A participación da UVigo no proxecto

Fábrica ecoamigable e Smart connectivity son os dous paquetes de traballo cos que investigadores e investigadoras da UVigo participan en Facendo 4.0. Green factory e Mantemento preditivo son as actividades máis destacadas do paquete Fábrica amigable, mentres que Automatización da xestión de recursos, é a máis salientable das accións de Smart connectivity.

É precisamente no segundo paquete, o Smart connectivity, onde participan activamente investigadores do noso Centro. Este céntrase no deseño dun sistema automatizado de asignación de recursos por slice de rede. Trátase de aplicar a técnica do network slicing, onde se poden crear múltiples redes virtuais sobre unha infraestrutura física compartida común, dividindo as arquitecturas de rede tradicionais en elementos virtuais que se poden vincular a través do software. Como resultado desta actividade, agárdase coñecer completamente a arquitectura de rede a nivel de planta e a súa contorna e dispor dun sistema automatizado de asignación de recursos por slice de rede.