Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía recoñecen a adaptación á crise da covid-19 dun software nacido na Universidade

Xurdido a partires do traballo de I+D iniciado hai 15 anos no Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, o software de visión artificial da spin-off da institución académica relEYEble converteuse neste 2020 nun dos gañadores dos Premios de Transferencia Tecnolóxica en Galicia. Promovidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (Gain), o xurado destes galardóns valorou especialmente a capacidade desta empresa, impulsada polo profesor José Luis Alba e os egresados da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Manuel Ubeira e Elisardo González, para adaptar “de xeito moi áxil” a súa tecnoloxía ás necesidades xurdidas da crise da covid-19. Capaz de medir as audiencias de soportes publicitarios como carteis dixitais e rexistrar as accións de cada persoa, o sistema de procesado dixital de imaxes galardoado co premio Ricardo Bescansa Martínez como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía ofrece agora tamén aos establecementos comerciais a posibilidade de recibir alertas en tempo real cando os clientes non leven posta a máscara ou non respecten a distancia de seguridade.

Estes premios, que se entregarán o 14 de xullo, contan cunha dotación económica de 6000 euros en cada unha das súas categorías e están dirixidos a recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente de organismos de investigación ao tecido produtivo, segundo informou a organización. Nese senso, Alba recoñece sentirse orgulloso “do recoñecemento dunha entidade tan prestixiosa para o mundo académico” e de que “unha comisión onde hai xente que sabe moito de crear empresas a partires de resultados de I+D e do difícil é que estas sobrevivan máis de tres anos”, valore o traballo desenvolvido desde reEYEble, outorgándolle un premio que en 2019 obtiña outra spin-off da insititución académica, Alén Space. “A Universidade de Vigo ten moito máis potencial do que realmente se ve para transferir resultados de I+D ao mercado”, salienta o profesor do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigador de AtlanTTic, para quen é “unha obriga tratar que a nosa I+D se transfira dunha forma máis directa ao tecido socioeconómico”.

Seguir lendo no DUVI