Pablo Fondo, investigador do Centro, desenvolve un mecanismo que reduce a latencia das comunicacións na súa tese

A eficiencia das redes de comunicación móbiles de nova xeración ven determinada por características como a alta fiabilidade e a baixa latencia. Non obstante, ás veces, as arquitecturas estáticas das redes 4G non poden soportar estas comunicacións. É precisamente neste contexto no que afonda a tese de doutoramento do investigador de atlanTTic Pablo Fondo, dirixida polo investigador e docente Felipe Gil, responsable do Laboratorio 5G da UVigo. Nas súas investigacións para a tese, fixo uso da computación no bordo da rede (Multi-Access Edge Computing, MEC), desenvolvendo un mecanismo capaz de reducir a latencia das comunicacións nas redes 5G, compatible ademais coas redes 4G existentes.

Segundo indicou Fondo, o mecanismo basease nas redes definidas por software, que permiten mover as comunicacións do usuario a bordo da rede de forma dinámica, e cuxa principal vantaxe é a redución da latencia das comunicacións. O investigador, é graduado en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (2016) con Premio Nacional Fin de Carreira, Máster en Enxeñaría de Telecomunicación (2018) e doutor en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (2022) con Mención Internacional e Cum Laude pola Universidade de Vigo.

Maior flexibilidade para os operadores e útil para comunicacións vehiculares

O sistema proposto na tese permite a integración de servizos de MEC nas redes dos operadores dunha forma dinámica e transparente, concedendo maior flexibilidade e permitindo reconfigurar a rede sen alterar as comunicacións establecidas. A segunda gran vantaxe deste mecanismo, segundo resaltou Fondo, é o feito de que sexa compatible coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración, permitindo facer uso desta tecnoloxía nas redes que xa teñen despregadas os operadores, mellorando o seu retorno de investimento.

Por outra banda, a investigación fixo un estudo pormenorizado da aplicación deste mecanismo en casos de uso de comunicacións vehiculares, onde, debido á propia natureza do escenario, existe unha alta mobilidade dos terminais.