Universidade de Vigo

A Escola de Verán do proxecto Erasmus+ VRxanny procura os mellores escenarios virtuais para relaxar ao alumnado en situacións académicas estresantes

20 estudantes da Lodz University, das universidades politécnica de Lodz e da Tartu Unikool de Estonia e da UVigo participan desde hoxe ata xoves na Universidade de Vigo na Escola de Verán do proxecto Erasmus+ VRxanny, Virtual Reality for anxiety and mental stress reduction in university students. Acompañados de docentes das súas respectivas universidades, as e os estudantes, que proceden de titulacións de todos os ámbitos do coñecemento, participarán esta semana nunha competición na que deberán propoñer posibles escenarios que axuden ao alumnado a relaxarse ante situacións académicas estresantes, como exames ou presentacións de traballos académicos, e que se converterán en contornas de realidade virtual nos próximos meses. “O proxecto VRxanny busca mellorar a experiencia daqueles estudantes que o pasan mal cando teñen que pasar exames ou probas nas que defenden o seu traballo previo. Queremos proporcionar unha aplicación de realidade virtual (VR) que lles poida axudar a relaxarse e a asistir ao exame cun menor nivel de estrés”, explica o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da UVigo, Íñigo Cuiñas, que sinala que esta escola de verán complementa a enquisa que se realizou, como primeiro paso, nas universidades participantes no proxecto.

Manuel Fernández Iglesias, Manuel Caeiro, Itziar Goicoechea, Enrique Costa Montenegro e Íñigo Cuiñas, promotores de VRxanny na UVigo, apostan por implicar ao estudantando no desenvolvemento do proxecto, tanto a través da realización da enquisa, como participando no deseño deses escenarios para a aplicación de realidade virtual. “Para a captación do alumnado, abriuse unha convocatoria desde a web do proxecto, con base na universidade de Lodz, na que tiñan que se inscribir, proporcionar o seu currículo e subir un pequeno vídeo explicando porque querían participar”, sinalan os docentes e investigadores da UVigo, que lembran que as 20 mozas e mozos seleccionados quedaron distribuídos en cinco equipos, que elaborarán as propostas que se empregarán nos vindeiros meses de proxecto.

Unha actividade baseada no Design Thinking

Na escola de verán, o alumnado das universidades participantes aprenderán a usar o Design Thinking, unha metodoloxía centrada nas persoas, na que o importante non é a solución en si mesma, senón o usuario final e a súas satisfacción, para a través dela, desenvolver os seus proxectos. “A parte formativa é basicamente un obradoiro desta metodoloxía, na que o grupo da UVigo somos especialistas”, lembra Cuiña, que explica que o alumnado terá que interactuar, definir o problema específico que queren tratar, propoñer solucións, xerar un prototipo e probalo cos seus e as súas compañeiras.

“Consideramos que a diversidade de titulacións das que procede o alumnado é moi importante para que as ideas que xurdan sexan tamén aplicables nun amplo rango de situacións”, destacan os docentes da UVigo, que consideran que para os investigadores que participan no proxecto o traballo que vai desenvolver estes días o alumnado “será unha fonte de inspiración, de ideas que van poder aplicar no desenvolvemento da solución de realidade virtual que é o obxectivo do proxecto”.
A escola de verán arrincou este martes na EE de Telecomunicación cun obradoiro da primeira parte de Design Thinking, a empatía. Mañá, as e os participantes terán que interactuar con outros mozos e mozas alleos ao proxecto, para saber como reaccionan ante os exames e que cousas lles estresan e cales os relaxan. “Esta actividade desenvolverase aproveitando unha visita ás Illas Cíes. O terceiro día volveremos ao campus para definir solucións baseadas no que aprenderon falando con outra persoas e cos resultados da enquisa previa”, detalla Cuiñas, que explica que os resultados dos traballo do alumnado “serán as entradas para o traballo do grupo de investigadores a cargo do deseño e programación das contornas”.

Esta primeira escola de verán terá continuidade nunha segunda edición, na que se probarán as aplicacións de realidade virtual que se programen e que se celebrará, con toda probabilidade, entre maio e xullo do ano que vén en Polonia.