Universidade de Vigo

Martín López Nores participará nunha xornada sobre cultura dixital organizada polo Campus Innova da UDC

O investigador de atlanTTic e profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Martín López Nores, participará o venres 22 de abril en Santiago de Compostela na xornada Cultura dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia, un encontro organizado polo Campus Innova da Universidade da Coruña en colaboración co Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, CISPAC, do que forma parte a Universidade de Vigo, e a Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo, Crusoe.

A xornada celebrase no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura e alí coincidirán diversos investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, así como do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), que presentarán os seus proxectos de investigación relacionados coa cultura dixital. O obxectivo é poñer en común as capacidades do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía galego na transición dixital na Cultura e o Patrimonio, así como identificar os retos e oportunidades aos que facer fronte neste eido.

Martín López Nores exporá os principais avances conseguidos a través do proxecto internacional rurAllure, liderado pola Universidade de Vigo e que conta cun financiamento de 3 millóns de euros procedentes do programa H2020 da Comisión Europea. rurAllure ten como obxectivo da divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa, ampliando as experiencias dos peregrinos que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación.

As persoas interesadas en asistir a esta xornada poderán formalizar a súa inscrición ata o día 20 de abril (incluído) a través do seguinte formulario.

Máis información sobre o programa da xornada en http://udc.es/es/campus_innova/eventos