Universidade de Vigo

Un investigador de atlanTTic lidera un proxecto europeo para mellorar as comunicacións por satélite empregando a fotónica

Francisco Díaz formará a futuros especialistas nesta tecnoloxía na que existe “unha gran demanda na industria aeroespacial”.

O investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic), Francisco Díaz, coordinará nos vindeiros catro anos o proxecto MWP4Space (MicroWave Photonic Technologies for Communications and Sensing Applications in Space). O MWp4SPACE trátase dun Doutorado Industrial Europeo no eido da fotónica integrada concedido dentro das accións Marie Sklodowska-Curie (MSCA) de Redes Europeas de Formación (ITN), no marco do Programa Horizonte Europa da Unión Europea. Este é o terceiro programa coordinado polo investigador de atlanTTic, tamén profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que se suma aos proxectos EDIFY e DRIVE-In.

MWp4SPACE e a industria aeroespacial

O MWp4SPACE pretende mellorar o funcionamento e a comunicación dos satélites empregando microondas fotónicas, ademais de formar á futura xeración de especialistas en dispositivos e sistemas integrados empregando microondas fotónicas no eido aeroespacial. Isto, vai permitir, segundo Díaz “crear unha rede de profesionais capaces de atender os retos dunha tecnoloxía como son as microondas fotónicas integradas, cunha gran demanda na industria aeroespacial”, aclara o investigador, “xa que ao estar integradas nun chip teñen menor tamaño, peso e consumen menos que o equipamento de satélite existente actualmente”.

O investigador do Departamento de Teoría do sinal e das comunicacións, referente en fotónica integrada, destaca que ademais de integrar múltiples dispositivos e funcionalidades nun só chip, tamén “teñen maior rendemento e facilitarán a creación de novos sensores para observación da Terra e comunicacións entre satélites e satélite-Terra”. O que vai ocasionar para os usuarios finais mellores sistemas de localización, comunicacións máis avanzadas ou mellores modelos de clima ou predición de modelos da Terra.

atlanTTic no centro da tecnoloxía fotónica integrada

O programa MWP4SPACE, dotado con 4 millóns de euros, conta coa participación de cinco universidades europeas (DCU Dublin City University, Mbryonics, CNIT – Consorzio Nazionale Interuniversitario per le Telecomunicazioni-, Scuola Universitaria Superiore Pisa – Sant’Anna e University College Cork), unha institución académica sen ánimo de lucro (Tyndall National Institute) e nove empresas de referencia mundial en fotónica e tecnoloxías espaciais (Alter Technology, Ghent University, III-V Lab, CamGraPhIC, VPI Photonics, Pilot Photonics, Antwerp Space, Université de Rennes e Thales Alenia Space).

Ademais de situar ao Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo no centro da tecnoloxía fotónica integrada, o proxecto MWp4SPACE amplía as futuras oportunidades para o seu persoal investigador.