A Cátedra R en Ciberseguridade premia os mellores traballos académicos, de investigación e transferencia en ciberseguridade

A Cátedra R en Ciberseguridade convoca a cuarta edición dos seus Premios aos Mellores Traballos Académicos, de Investigación e Transferencia en Ciberseguridade Dixital.

Un dos obxectivos da cátedra, que naceu en decembro de 2018 sendo a primeira cátedra interuniversitaria galega, é o de impulsar actividades que permitan a creación de espazos de debate e difusión das actividades docente e investigadora do eido da ciberseguridade. A cátedra está coordinada na UVigo pola investigadora de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Ana Fernández Vilas.

Poderán concorrer ao premio da Cátedra R traballos de Fin de Grao (TFG), Fin de Máster (TFM), Teses Doutoral e Traballos de investigación defendidos nos cursos académicos 2020/21 e 2021/22 nas universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Os traballos de investigación e transferencia en colaboración con la empresa tamén poderán presentar a súa candidatura.

Na convocatoria entregaranse un total de 6 premios:

  • 2 premios a TFG (400€ cada un).
  • 2 premios a TFM (600€ cada un).
  • 1 premio ao traballo de investigación da Tese Doutoral (800€).
  • 1 premio ao traballo de investigación en colaboración coa empresa (800€).

As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de outubro de 2022, mentres que a entrega de premios terá lugar o día 10 de novembro ás 13:20 horas na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela durante a celebración do CIBER.gal.

Prema na seguinte ligazón para consultar as bases da convocatoria.