Universidade de Vigo

Día Internacional das Nenas nas TIC 2023

Hoxe é o Día Internacional das Nenas nas TIC. Baixo o lema #NenasEnTIC búscase que, dende a súa infancia, as mulleres poidan orientar a súa formación cara a tecnoloxía en igualdade de condicións que os homes. Isto non só implicaría contar con máis referentes femininos nas áreas #STEM, senón tamén reducir a fenda salarial de xénero, evitar discriminacións e garantir espazos de traballo máis diversos.

Para dar visibilidade a esta data e aportar referentes, non se nos ocorre nada mellor que converter en protagonistas a algunhas das nosas investigadoras de atlanTTic.

Yolanda Blanco Fernández, Mónica Fernández Barciela e Silvia García Méndez foron #NenasTIC e, agora, son grandes profesionais dentro dos seus ámbitos de especialización. Para coñecer a súa historia e o seu traballo no Centro, fixémoslles algunhas preguntas. Acabaron adicándose ao que sempre pensaron?

Yolanda Blanco Fernández

  1. Cando eras nena, que querías ser de maior? Matemática. Sempre quixen estudar Ciencias Exactas, pero en COU o orientador do meu colexio díxome que a saída natural sería ser profesora de matemáticas. Non me vía nese rol, así que optei por renunciar á miña vocación por fuxir da docencia, razón pola que decidín cambiar as matemáticas por unha enxeñaría. En fin… as voltas que da a vida.
  2. Que estudiaches? Enxeñaría de Telecomunicación.
  3. Cal é o teu traballo actualmente? Son profesora titular de universidade, e compaxino a docencia na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) coa investigación en atlanTTic. Ademais, asumo tarefas de xestión nas dúas entidades, coordinando un dos módulos do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (GETT) e ocupando a subdirección do Centro, pola outra.
  4. En que consiste a túa xornada de traballo? Na miña faceta como docente imparto clases, atendo titorías, organizo a docencia da semana seguinte, corrixo probas de avaliación continua, seguimento do progreso dos TFGs que titorizo actualmente. Como investigadora, avanzo nas contribucións dos proxectos actualmente en marcha, redacción de artigos de investigación, preparación de solicitudes en convocatorias de proxectos afíns ás miñas liñas de investigación. E na xestión céntrome na asistencia a reunións de coordinación do GETT, e supervisión do día a día nos departamentos que dependen directamente da subdirección do Centro.

Mónica Fernández Barciela

  1. Que querías ser de maior cando eras nena? Quería ser física e traballar en astrofísica, física de partículas, cohetes espaciais… Apasionábame a ciencia e a tecnoloxía.
  2. Que estudiaches? Ciencias Físicas, especialidade de electrónica. Logo doutoreime en Enxeñaría de Telecomunicación. Especialiceime en predecir o comportamento eléctrico dos dispositivos activos semiconductores, para deseñar circuítos de alta frecuencia como os que permiten comunicarse aos smartphones.
  3. Cal é o teu traballo actualmente? Son profesora titular na Universidade de Vigo (imparto docencia na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación) e investigadora de atlanTTic.
  4. En que consiste a túa xornada de traballo? Dou algunhas horas de clase a alumnado de Grao e Máster, oriento aos meus alumnos e alumnas de TFM, TFG e doutorado, tomo un café cos meus compañeiros, realizo medidas no laboratorio ou leo/escribo artigos científicos e fago tarefas de xestión relacionadas cos proxectos de investigación ou a docencia. En ocasións, vou a congresos científicos. A verdade é que me encanta o meu traballo! ?

Silvia García Méndez

  1. Que querías ser de maior cando eras nena? Física.
  2. Que estudiaches? Grao e Máster de Telecomunicación na Universidade de Vigo.
  3. Cal é o teu traballo actualmente? Investigadora Postdoutoral da Xunta de Galicia. Colaboro co Instituto Superior de Engenharia do Porto (ISEP) na creación de solucións de aprendizaxe máquina para detectar bots maliciosos e contido de tipo spam nas redes sociais co obxectivo de combater a desinformación.
  4. En que consiste a túa xornada de traballo? Escribir artigos sobre as investigacións que estamos a levar a cabo dentro do campo da intelixencia artificial e xestionar os proxectos de investigación con outros grupos, como o anteriormente mencionado ISEP e o grupo Underisk da Universidade de Santiago de Compostela. Ó anterior súmase a xestión de proxectos de transferencia dos nosos resultados de investigación a empresas como Ancora Mobile, CoinScrap Finance e EDNON.