Expo-feira científica: A ciencia que vén ten nome de muller

O vindeiro venres 18 de marzo de 2022 a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo organiza a expo-feira científica “A ciencia que vén ten nome de muller”, unha acción que forma parte do plan anual de actividades da UCC+i  “Ciencia de ida e volta” e que conta coa financiación da Deputación de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia y Tecnología e a colaboración do Concello de Vigo.

Trátase dun evento de divulgación e de fomento das vocacións científicas co que se pretende dar a coñecer á sociedade o traballo do persoal investigador e como os seus estudos favorecen ao avance da sociedade. Nesta actividade terá especial importancia o papel da muller na ciencia, ofrecendo ao público que poida coñecer de primeira man ás investigadoras que están traballando na Universidade de Vigo.

Instalarase unha carpa na Praza do Berbés con 12 stands, 9 sobre proxectos, grupos de investigación ou centros de investigación da institución educativa, un da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e dous informativos sobre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo.

Estanse organizando varios obradoiros para que o público, especialmente o infantil e xuvenil, poida achegarse aos laboratorios universitarios dun xeito lúdico e divertido, e haberá postos sobre tecnoloxía, medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e economía. Detectives de imaxes é o que impartirán o Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC), coa participación de persoal investigador de atlanTTic e docentes da E.E. de Telecomunicación, un obradoiro no que se poderá aprender a detectar manipulacións en fotografías.

Na mañá do venres 18 de marzo, haberá unha visita pechada de escolares de 5º e 6º de Primaria do CEIP Frián de Teis (84 alumnas e alumnos) aos stands da feira e, posteriormente, a parti das 17 horas a feira abrirase ao público ata as 20 horas.