Universidade de Vigo

Fondo pesar na comunidade universitaria polo falecemento de Manuel Ramos Cabrer

Profunda consternación e tristeza provocou na comunidade universitaria a confirmación do falecemento a primeira hora desta mañá do vicerreitor de Ordenación Académica de Profesorado, Manuel Ramos Cabrer. Na véspera da celebración das eleccións a reitor, ás que concorría novamente na candidatura liderada por Manuel Reigosa, e a Claustro, Ramos falecía repentinamente a primeira hora deste martes no domicilio familiar de Gondomar.

O equipo de goberno da UVigo, profundamente afectado polo falecemento de Ramos; compañeiros e compañeiras da vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación manifestan o seu fondo pesar pola perda do vicerreitor de Profesorado, do que destacan o seu compromiso coa institución académica, a súa profesionalidade e gran capacidade de traballo, ademais da súa enorme calidade humana.

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, en nome de toda a comunidade universitaria, trasladou o seu máis sentido pésame á familia de Ramos Cabrer.

Minuto de silencio na EE de Telecomunicación

Na entrada da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde estaba o seu despacho como docente e onde pasou tantas horas ensinando e investigando, este mediodía gardouse un minuto de silencio en memoria e homenaxe do vicerreitor falecido. Encabezado polo reitor, Manuel Reigosa, e por boa parte do seu equipo de goberno, visiblemente emocionados, foi un acto sinxelo e emotivo no que a comunidade universitaria, sobre todo os seus colaboradores máis próximos e compañeiros de escola, tiveron oportunidade de honrar a súa memoria. O acto pechouse coas palabras da directora da escola, Rebeca Díaz, que fixo fincapé na “enorme perda persoal e profesional” que supón este falecemento.

Mañá mércores, ás 18.30 horas na praza Miralles, un membro do equipo de goberno procederá a dar lectura a un comunicado en memoria do seu compañeiro falecido.

Destacada traxectoria docente, investigadora e de xestión na UVigo

Nacido en Lugo en 1966, Manuel Ramos era enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Enxeñaría Telemática pola Universidade de Vigo. Incorporouse á institución académica viguesa en 1991, onde ocupa praza de catedrático desde novembro de 2021. Integrante do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información e do centro de investigación atlanTTic foi autor de 54 artigos en revistas indexadas, 12 capítulos en libros e máis de 80 comunicacións en congresos de ámbito internacional. Así mesmo, participou en 40 proxectos de investigación financiados en diversas convocatorias competitivas e en 49 contratos de transferencia e cursos con empresas.

No ámbito da xestión, desempeñou os cargos de adxunto ao vicerreitor de Investigación como director do Servizo de Telecomunicacións, director do Departamento de Enxeñaría Telemática e coordinador do programa de doutoramento e do máster oficial deste departamento. Foi membro do Claustro, da Mesa do Claustro, do Consello de Goberno e da COAP durante 16 anos, ademais de representante sindical do profesorado funcionario na Xunta de PDI da universidade durante oito anos. Vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado no primeiro mandato de Manuel Reigosa entre os anos 2018 e 2022, Ramos figuraba no equipo de goberno co que Reigosa concorre ás eleccións que terán lugar mañá mércores 4 de maio.