Lista a primeira versión de rurAllure, a plataforma que potencia o patrimonio rural na contorna das rutas de peregrinación

rurAllure, a plataforma que porá en valor o patrimonio rural e axudará a viaxar aos peregrinos de todos os camiños de Europa, xa ten listos os catro primeiros pilotos que poderán ser empregados polos usuarios dos camiños con destino a Santiago, Roma, Trondheim (Noruega) e Csíksomlyó (Romanía). O obxectivo da aplicación, segundo lembra o seu coordinador, Martín López Nores, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, “é crear un ecosistema de rutas de peregrinación a nivel europeo, de xeito que un peregrino teña información sobre puntos de interese local, tanto culturais e patrimoniais como sociais, que non están a pé de camiño. Trátase de fomentar que o visitante se adentre no territorio rural próximo para coñecer o seu patrimonio”.

O obxectivo da plataforma é estimular a economía das zonas rurais próximas aos camiños de Europa. “A idea é que o peregrino pase tempo no territorio que visita e que isto teña un impacto económico sobre a zona”, engade Nores. Liderado pola Universidade de Vigo, rurAllure é un proxecto H2020 financiado con tres millóns de euros. As interfaces web e móbil permiten que cada usuario deseñe a viaxe en función dos seus gustos e intereses. “Nestes próximos meses, poremos a proba a intelixencia artificial aplicada ao proxecto e corrixiremos erros para que a tecnoloxía estea lista en toda Europa para 2023”.

Coordinado polo investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Martín López Nores, rurAllure conta tamén coa implicación da Facultade de Historia e outros grupos desta Universidade, así como doutras institucións culturais, empresariais e municipais que nutren a iniciativa.

“O proxecto traballa con información sobre medios de transporte axeitados que os peregrinos poderán empregar para coñecer os punto de interese fóra do camiño, como é o caso da Fundación Uxío Novoneyra, a 30 quilómetros do itinerario francés do Camiño de Santiago. A intención é derivar fluxos de visitantes e que aproveiten as súas incursións no medio rural para coñecer lugares de interese cultural e patrimonial, estimulando o desenvolvemento rural e cultural», concreta Martín López Nores.

Tras a proba inicial dos catro primeiros pilotos, rurAllure estará listo en 2023 cunha plataforma de contidos nos que cada camiño europeo terá os seus propios puntos de interese, audioguías e narrativas multimedia, información sobre tendas e servizos locais, transportes disponibles para os desprazamentos… converténdose nun xestor de contidos único e homoxéneo para todos os camiños de Europa. “Non hai unha tecnoloxía igual aplicada a este tipo de experiencias de viaxe”, conclúe o investigador.