O investigador de atlanTTic Francisco Díaz liderará SPARC, a planta de produción de semicondutores fotónicos de Vigo

O pasado 24 de setembro asinouse ante notario na Zona Franca de Vigo a creación da nova planta de produción de semicondutores fotónicos de Vigo, SPARC (Semiconductor Foundry and Advanced Photonics Research Centre). Entre os socios promotores desta iniciativa público privada atópase Francisco Díaz, investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Díaz será o líder e CEO da nova compañía. Por outra banda, o Consorcio Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo forman parte da lista de socios institucionais da planta.

SPARC contará cun centro de investigación e cun programa de formación, e será a cuarta fábrica do seu tipo en Europa e a primeira que traballe con combinacións innovadoras de materiais. Prevese que a planta xere uns 150 postos de traballo directos, 700 indirectos, e que a produción, que comezará no 2025, alcance entre o 10 ou 15 % da produción de semiconductores fotónicos de Europa. O mercado da fotónica crece hoxe a un 30% anual e espérase que chegue ao 50% en dous ou tres anos.

Chips fotónicos VS. Chips electrónicos

Mentres que a base da construción dos chips electrónicos atópase na electricidade, nos chips fotónicos se traballa con luz. Estes últimos están compostos por unha serie de capas de materiais de toda a táboa periódica, dos que se poden empregar ata 40 e 50 materiais distintos. Un mecanismo de creación lento pero moi preciso. As principais diferencias entre os chips electrónicos e os fotónicos é que estes últimos favorecen a miniaturización dos dispositivos, proporcionan un maior largo de banda, unha maior taxa de transmisión e un consumo enerxético menor.