Universidade de Vigo

Sergas e atlanTTic crean a primeira aplicación para o autocoidado de pacientes con Crohn e colite ulcerosa

  • Vigo é a primeira Área sanitaria de España que conta con esta ferramenta que axuda no longo proceso destas enfermidades crónicas
  • Este sistema de micro-aprendizaxe será testado por 160 pacientes da Unidade de Enfermidade Intestinal do Cunqueiro

A Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Hospital Álvaro Cunqueiro e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, porán á disposición dos pacientes diagnosticados coa enfermidade de Crohn ou Colite ulcerosa unha aplicación para o seu autocoidado.

Polo de agora, o Servicio Galego de Saúde ten 2.006 persoas diagnosticadas e en seguemento cunha destas dúas doenzas na Área Sanitaria de Vigo que se beneficiarían desta nova ferramenta. Segundo a Dra. Luisa de Castro, integrante da Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal no Álvaro Cunqueiro, “detectamos que os nosos pacientes precisaban unha ferramenta na que resolvesen  todas as cuestións e dúbidas que se lles plantexa no día a día  no manexo da súa enfermidade, dada a importancia de manter o tratamento”.

O abandono do tratamento chega ao 30 por cento dos casos o que empeora notablemente a situación destas persoas. “Nas enfermidades crónicas o autocoidado é fundamental. Pensamos que era necesario deseñar unha ferramenta na que puidésemos chegar ata os nosos pacientes a través das tecnoloxías, e aí nace este proxecto, no que contamos coa experiencia dos investigadores de atlanTTic”, conclúe De Castro.

Piloto con 160 pacientes

Segundo a investigadora Rebeca P. Díaz, coordinadora do grupo Information and Computing Lab de atlanTTic, e responsable da parte técnica do proxecto xunto ao seu compañeiro Manuel Caeiro, do grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos, “creamos un total de 25 unidades didácticas, baseadas en vídeos en pequenos cuestionarios interactivos, para poder definir diferentes itinerarios formativos en función do tipo de tratamento e enfermidade do paciente. Desenvolvimos o conxunto da plataforma co contido facilitado polo equipo de Dixestivo e, polo de agora, temos un piloto que probaremos en 160 pacientes e, en outubro, teremos os primeiros resultados para poder poñelo á disposición dos pacientes que o precisen”.

Primeira de España

A Área Sanitaria de Vigo é a primeira de España que conta cunha ferramenta de microaprendizaxe feita a medida para o paciente. “Empezamos por esta Área pero cremos que terá utilidade a nivel nacional xa que é un proxecto financiado polo Instituto Carlos III. Polo tanto, somos pioneiros en pór a disposición dos pacientes ferramentas útiles para o control destas enfermidades”, explica De Castro.

A plataforma, de acceso a través do móbil do usuario, está composta por pequenos vídeos nos que se explican os síntomas e os tratamentos empregados, preguntas e outros contidos con información personalizada e diferentes itinerarios segundo o tipo de afectación da enfermidade. Esta aplicación ten pausas e recordatorios baseados na curva do esquecemento na que a aprendizaxe efectiva lógrase coa repetición continuada. Os contidos están explicados, na plataforma polos propios médicos e persoal de enfermaría que atende aos pacientes na Unidade do Álvaro Cunqueiro, e contará tamén con pacientes que explicarán a súa propia experiencia coa enfermidade.

A doutora de Castro asegura que “Agora toca testar todo o traballo durante os vindeiros meses e avaliar a efectividade da ferramenta co fin de facer os axustes necesarios e que funcione xa de xeito continuado entre os 1.500 pacientes que atendemos na Unidade”.

A través de Telegram

“Os pacientes, matiza Díaz, recibirán os contidos a través dun bot de Telegram. Polo tanto, non é preciso instalar ningunha aplicación específica, e se pode usar este sistema de mensaxería tan popular. A información sobre os autocoidados nestas doenzas intestinais inflamatorias chega ao paciente a través de pequenos contidos interactivos, baseados en vídeos. Os sistemas de micro-apredizaxe (usando aplicacións específicas) están moi estendidos na aprendizaxe de idiomas cuns resultados sobresaíntes, xa que logran reducir as taxas de abandono que si se dan noutros modelos máis tradicionais”

Tanto Manuel Caeiro como Rebeca Díaz, investigadores de atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, teñen experiencia en desenvolver técnicas de eLearning utilizando novos dispositivos (bots conversacionais, altavoces intelixentes, etc.) aplicadas en contornas corporativas ou de sensibilización (micro-learning).