Búscase dar resposta a cinco retos da industria, o comercio e o emprego derivados da crise sanitaria

Programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, empresas… todos unidos na buscar solucións innovadoras para que o tecido empresarial galego afronte os retos provocados pola COVID-19. Así plantexa a Axencia Galega de Innovación o primeiro Hack-At-Home, un evento colaborativo virtual na procura de construír solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios derivados da crise sanitaria. O hackathon celebrarase entre o 27 e o 30 de xuño co apoio das universidades, as empresas tecnolóxicas e as persoas innovadoras que traballarán en equipos arredor de cinco retos da industria, o comercio e o emprego.

Serán catro días de traballo intenso en remoto xunto con actividades paralelas online e unha sesión final de presentación de proxectos. As persoas participantes contarán coa axuda dun equipo de mentores que os asesorarán sobre as liñas xerais dos proxectos e tamén nos detalles técnicos. Paralelamente ao hackathon haberá una serie de mini eventos onde atopar inspiración para os traballos. Os proxectos desenvolvidos neses días serán valorados por un comité de expertos e os tres mellores terán un apoio económico de 1000 € e un seguimento específico durante seis meses por parte das institucións participantes no hackathon.

O prazo de inscrición está aberto ata o 21 de xuño e as persoas interesadas poden presentarse tanto individualmente como en grupo, pero todos os participantes formarán equipos de traballo para realizar os proxectos.

Cinco retos

O tecido empresarial galego definiu cinco retos para afrontar a nova realidade provocada pola aparición do coronavirus. Arredor deses cinco retos traballarán os equipos multidisciplinares conformados por programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, etc. que deberán buscar solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios do tecido empresarial ante a crise sanitaria.

O primeiro dos cinco eixo é a procura de solucións ‘de baixo contacto’, é dicir, ideas para mellorar os espazos de traballo así como a xestión de produtos, materiais e ferramentas para evitar a dispersión do virus. Un segundo reto pasa por repensar a venda ao público, buscando alternativas para incrementar a seguridade dos espazos comerciais e evitar o impacto negativo no volume de negocio. A terceira liña é o teletraballo, tratando de acadar propostas para optimizar o traballo en remoto ou minimizar o contacto interpersoal nos sectores que requiran traballo presencial. Un cuarto reto está enfocado á industria local e ás solucións para reducir as necesidades de desprazamento da industria tanto para a compra como para a oferta. Finalmente, o quito eido de traballo pasa por avanzar nun novo concepto de ‘equipo’, con solucións para coordinar equipos de traballo nun novo contexto de separación física.

Os proxectos que se expoñan deben dar unha resposta innovadora e tecnolóxica a estes retos. Non existe ningún límite en canto a ideas ou utilización de tecnoloxías, pero as persoas participantes deberán converter esa idea nun prototipo mínimo viable durante catro xornadas intensivas de traballo.

Fonte: DUVI.