Universidade de Vigo

Investigadores de atlanTTic crean unha app que lles facilita o día a día no traballo ás persoas con autismo

Xa pode descargarse para calquera dispositivo móbil Android talkAACtive, unha aplicación gratuíta dirixida a facilitarlle ás persoas con autismo a súa comunicación na contorna laboral. A nova app foi deseñada polo Grupo de Tecnoloxías da Información do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, grazas ao financiamento achegado por Indra, unha das principais empresas globais de tecnoloxía e consultaría, e a Fundación Universia, entidade que impulsa a accesibilidade e a inclusión das persoas con discapacidade na sociedade, que seleccionaron este proxecto, entre máis de 70 presentados por diferentes universidades españolas, como un dos tres traballos gañadores da II Convocatoria de Axudas a Proxectos de Investigación de Tecnoloxías Accesibles.

Dispoñible no mercado a través de Google Play, a aplicación desenvolta polo equipo vigués permite que calquera persoa que teña dificultades de comunicación, xa sexa Transtornos do Espectro Autista ou calquera outra dificultade (afasia, disartria, dislalia…) practiquen e/ou autoavalíen a súa fala ou escritura mediante pictogramas, grazas a un innovador sistema de xeración de linguaxe natural de concepción propia e facilmente adaptable a calquera contorna laboral. Xunto a isto, a app ten tamén a capacidade de funcionar coma un comunicador pictográfico para facilitar o proceso de aprendizaxe (comunicación, práctica de escritura e práctica de fala) a través dunha única aplicación.

Seguir lendo no DUVI