Universidade de Vigo

O programa de doutoramento DocTIC celebra a súa xornada anual de avaliación

Pouco a pouca volven os eventos presenciais aos campus. Un dos primeiros foi este venres a xornada anual de avaliación do programa de doutoramento DocTIC do centro atlanTTic, que se celebrou na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Ao longo da mañá máis de medio cento de estudantes desta titulación presentaron os seus traballos de investigación en sesións póster presenciais e tamén a través de conexións virtuais.

Manuel García Sánchez, coordinador do programa de doutoramento DocTIC, lembra que esta actividade vense desenvolvendo ininterrompidamente todos os anos dende 2013 e, nin sequera a covid-19 foi quen de alterar esta progresión. Os obxectivos desta cita anual son múltiples, como remarca o seu responsable. Hai unha parte formativa para os estudantes de doutoramento, xa que teñen que presentar os seus traballos en sesións póster de congreso internacional en inglés. Deste xeito, “aprenden a preparar, presentar e defender un póster cos seus resultados de investigación ao tempo que poden ver como o fan o resto dos seus compañeiros, facilitando a interacción entre eles, de modo que poden ver como, tanto aos máis noveles como aos máis experimentados, abordan e resolven os problemas que se plantexan na súa investigación e, ás veces, mesmo un método utilizado por un vale para o problema doutro”. A outra parte esencial deste evento é a avaliación, xa que unha serie de comités conformados por docentes terá que valorar o desempeño anual dos estudantes. “Este proceso permítenos detectar posibles problemas na dirección das teses e tamén nos vale aos docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do centro atlanTTic para coñecer as liñas de investigación que desenvolven outros grupos, xa que aínda que convivimos a diario no mesmo espazo, ás veces, nos falta tempo para esta actividade tan importante, que pode dar lugar a colaboracións entre diferentes grupos de investigación”, recoñece García.

Seguir lendo no DUVI