É a primeira edición destes galardóns impulsados pola UVigo e MN Program

A Universidade de Vigo, en colaboración coa empresa tecnolóxica MN Program, convoca a primeira edición dos Premios Cátedra MN dirixida a alumnado universitario de ramas de enxeñaría. Os galardóns terán tres categorías para os mellores Traballos Fin de Grao, Traballos Fin de Mestrado e Proxectos da materia Laboratorio de Proxectos (LPRO) do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo. Concederanse sete premios e, sumando a dotación económica que recibirá cada un deles nas diversas categorías, repartiranse un total de 3.000 euros.

A Cátedra MN en Emprendemento Tecnolóxico, dirixida por Carmen García Mateo, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigadora de atlanTTic, foi posta en marcha para impulsar a colaboración entre a Universidade e a empresa na actividade docente e investigadora en áreas TIC como a automatización robótica de procesos, identificación biométrica, enxeñaría lingüística e interfaces de voz, técnicas avanzadas de intelixencia artificial e Big Data. Froito desta colaboración, nacen os Premios Cátedra MN, creados co obxectivo de recoñecer aqueles traballos que contribúan á promoción de actuacións que estimulen a capacitación, especialización e actualización de competencias de membros da comunidade universitaria e profesionais alleos á mesma atendendo ás necesidades competitivas da empresa.

Fomentar o talento do alumnado

Os Premios Cátedra MN buscan distinguir o espírito emprendedor, ao tempo que se impulsa a innovación tecnolóxica e se recoñece a valía do alumnado. A convocatoria está aberta a estudantes de grao e mestrado dalgunha titulación da rama de enxeñaría e da materia LPRO que defendan os seus traballos antes do 31 de xullo de 2020.

Para a avaliación das propostas terase en conta a calidade, orixinalidade e innovación do traballo, aportación persoal do alumnado e o grao de adecuación do proxecto ás áreas de interese da cátedra. Así mesmo, valoraranse outros aspectos como o grao de utilidade e aplicabilidade, ou a viabilidade do proxecto.

O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e as persoas interesadas poderán facelo ata o 24 de xullo de 2020. Para coñecer toda a información relativa aos premios podedes visitar a páxina web catedramn.uvigo.es.