Os sistemas de trazabilidade, tanto alimentaria como sanitaria, son claves á hora de manter a seguridade dun determinado produto, xa que permiten rastrexar todas as etapas polas que pasou, desde a súa orixe ata que remata nas mans do consumidor. Consciente da importancia de todo este proceso  Mateo Ramos, investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática, centrou a súa tese de doutoramento en botar man de todo o potencial das TIC, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, para mellorar estes sistemas. “Foi unha investigación dirixida a axudar ás máquinas a entender mellor o mundo no que vivimos”, explica Ramos, facendo así fincapé na importancia de que as diferentes tecnoloxías poidan “entender” as implicacións de cada unha das tarefas que realizan para que “así sexan capaces de dotarnos de mecanismos de especial utilidade no ámbito da trazabilidade”.

En certos ámbitos, como poden ser a produción de alimentos ou de medicamentos, a aplicación de técnicas de trazabilidade xoga un papel crucial na seguridade dos produtos e, neste senso, a combinación de algoritmos matemáticos e técnicas de intelixencia artificial achega a posibilidade de predicir situacións futuras, estudiar o ciclo de vida dun produto ou xerar alertas fronte a situacións de risco.

Conseguir que a información sexa lexible para as máquinas

A partir dunha serie de traballos previos relacionados co ámbito da trazabilidade e a monitoraxe de procesos, identificáronse toda unha serie de necesidades e, en base a isto, na primeira parte da tese o investigador abordou un dos principais problemas que existen actualmente na aplicación das TIC á trazabilidade: a dispoñibilidade da información para ser empregada por estes algoritmos computerizados, é dicir, lograr representar a información dunha forma que sexa lexible para as máquinas e que, polo tanto, resulte útil. “Estamos acostumados a tratar con documentos escritos na linguaxe humana e moitas veces esquécesenos que as máquinas non comprenden a nosa linguaxe”, explica Ramos, ao tempo que subliña a importancia de, como paso previo á aplicación das TIC, “conseguir que as máquinas sexan capaces de capturar o contexto de forma adecuada e entender os detalles do mesmo”.

Como exemplo de todo isto, Ramos refírese ao proceso de elaboración dun determinado medicamento que transcorre por distintas fases, entre elas a de ‘refrixerar o produto’. “O problema aquí reside en que cando a máquina trata de interpretar este proceso non entende o que significa ‘refrixerar produto’ ou, o que é o mesmo, non sabe como inflúe esta tarefa no medicamento ou as implicacións que pode chegar a ter un período de baixa temperatura ou, incluso, que a menciña se pode botar a perder se non se refrixera”, explica o investigador, resaltando a importancia de explicarlla ao algoritmo, “nunha linguaxe que poida entender”, que significa e que implica a acción ‘refrixerar produto’.

En caso de alerta axudan a detectar onde tivo lugar a contaminación

A presenza de actividades que non xeran monitoraxe supón un reto engadido.  Neste caso a proposta que se expón na tese é desenvolver mecanismos que permitan atallar as casuísticas e problemáticas identificadas de modo que se teña en conta que información é a que está dispoñible e en que formatos se presenta. “Estes mecanismos deberán, na medida do posible, suplir as carencias xeradas polos déficits de información presentes nos contextos analizados”, explica o autor.

Neste contexto unha das propostas máis relevantes que fai o investigador vigués é o impulso da denominada Trazabilidade Difusa ou Fuzzy Traceability, que é capaz de predicir onde estivo un determinado produto e que axentes externos puideron actuar sobre el, o que resulta especialmente útil para realizar análises do ciclo de vida de produtos que, por algún motivo, poidan resultar perigosos. “Por exemplo, un produto alimenticio en mal estado pode ser foco de infeccións e, nestes casos, é moi importante coñecer a historia do produto, incluíndo as fases exactas polas que pasou e as diferentes accións que se tomaron sobre el”, explica o investigador, lembrando que todos os anos aparecen casos de E. Coli ou Listeria. Nestes escenarios nos que existen fragmentos descoñecidos é onde, precisamente, a Trazabilidade Difusa amosa a súa utilidade, xa que este algoritmo trata de averiguar que é o que lle puido acontecer calculando todos os escenarios posibles e amosando cal é o máis probable.

Difusión dos resultados

Dirixida polos profesores Juan M. Santos e Luis M. Álvarez Sabucedo, investigadores ambos de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, os resultados desta tese foron xa difundidos en catro comunicacións científicas, estando tamén pendente de revisión na actualidade  un quinto artigo por unha revista JCR-Q1 e estando o autor inmerso na redacción de outros dous.

Fonte: DUVI.