Universidade de Vigo

A aplicación 5GBeamCheck, premiada no concurso europeo MyGalileoDrone

O investigador Borja González Valdés, do Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas (COM) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e pertencente ao centro de investigación atlanTTic, acadou o cuarto posto na competición MyGalileoDrone. Fíxoo grazas á aplicación 5GBeamCheck, que permite utilizar un vehículo aéreo non tripulado para diagnosticar antenas 5G Beamforming de maneira eficiente. Neste certame, organizado pola axencia europea Global Navigation Satellite Systems (GSA), participaron un total de 200 proxectos de toda Europa nun proceso que durou seis meses e no que os candidatos foron eliminados en tres cortes. A candidatura da Universidade de Vigo foi a única española que finalmente conseguiu un galardón nesta edición.

Un premio de 30.000 euros

O obxectivo do concurso MyGalileoDrone é deseñar, desenvolver, probar e preparar para o lanzamento comercial unha aplicación ou servizo baseado en drones capaces de proporcionar unha posición e/ou corrección de tempo usando o receptor habilitado para Galileo. Para conceder os premios, o GSA avaliou o grao de innovación, o potencial de mercado, a relevancia de Galileo, o grao de desenvolvemento do prototipo e a relación coas necesidades específicas da rexión. Así, o grupo COM obtén este recoñecemento dunha das principais institucións en materia de tecnoloxías relacionadas coa navegación por satélite. Ademais do prestixio e apoio que a distinción GSA achega ao proxecto vigués, o premio está dotado con 30.000 euros.

Seguir lendo no DUVI