Universidade de Vigo

A profesora Mónica Fernández Barciela acada o rango máis elevado da IEEE

Está considerada como a organización técnica profesional máis grande e prestixiosa do mundo e, dentro dela, tan só o 10% dos seus 400.000 membros acadan o grao de membro sénior. Neste selecto grupo acaba de entrar a profesora do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Mónica Fernández Barciela. Trátase do grao profesional máis alto de IEEE que un membro pode solicitar e require unha ampla experiencia e reflicte os logros profesionais e madurez. Mónica Fernández Barciela únese así a un rango de elite de membros sénior del IEEE, entre os que tamén están outros docentes da UVigo como Alfonso Lago, que forma parte da directiva da sección española da IEEE ou Xosé Manuel López Fernández.

Para a profesora do centro de investigación atlanTTic esta é “unha honra, un recoñecemento internacional á carreira profesional e traballo técnico desenvolvido, no meu caso, no ámbito da electrónica de comunicacións a frecuencias de microondas e ondas milimétricas”. Se ben hai un grao superior, IEEE Fellow, que se outorga a unha traxectoria profesional extraordinaria, a docente explica que para obter o grao de sénior “é necesario dispor de polo menos dez anos de experiencia profesional nunha ou varias áreas de IEEE, ademais de demostrar achegas técnicas ou científicas relevantes como publicacións, dirección de proxectos, cargos de responsabilidade, etc. Tamén se esixe que varios membros sénior ou fellow avalen a traxectoria profesional” e engade que acadar este grao supón un recoñecemento “dos teus propios colegas, o que xa por si é importante, pero ademais permíte acceder a postos executivos en IEEE e avaliar a outros membros que aspiran a este grao”.

Seguir lendo no DUVI