Universidade de Vigo

A UVigo participa nun consorcio europeo que busca crear unha nova xeración de tecnoloxías de detección intelixentes

As tecnoloxías de detección intelixentes convertéronse en parte da vida diaria e cada vez é máis habitual o emprego de sensores para mellorar o día a día das persoas en múltiples ámbitos, desde lograr unha asistencia sanitaria moito máis personalizada ata conseguir incrementar a seguridade de condutores e peóns nas estradas. Conscientes desta realidade acaba de pórse en marcha NextPerceptión, un consorcio no que participan os principais actores europeos da saúde, o benestar e a automoción, entre eles a Universidade de Vigo, que, avalada por toda a súa experiencia nos sistemas de comunicación 5G, será a encargada de deseñar novas arquitecturas e tecnoloxías de comunicación e de distribución do cómputo no marco destas novas redes de comunicación.

O responsable na UVigo do proxecto é o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Felipe Gil, quen explica que “o resultado deste traballo busca permitir a creación de novos sensores que capturen un volume maior de información, de xeito que se poida utilizar para implementar novas aplicacións intelixentes que hoxe non son posibles pola falta de datos”. Trátase, tal e como subliña Gil, de desenvolver a próxima xeración de sensores de percepción intelixentes e mellorar o paradigma de intelixencia distribuída para construír “solucións de monitorización versátiles, seguras, confiables e proactivas” para cuestións relacionadas coa saúde, o benestar e a automoción.

Seguir lendo no DUVI