Universidade de Vigo

atlanTTic acollerá en febreiro a competición de ciberseguridade C3TF

As universidades de Vigo e da Coruña manteñen unha estreita colaboración no eido da ciberseguridade que se materializa nun mestrado interuniversitario neste eido e na Cátedra R que tamén comparten ambas institucións. Agora, as dúas universidades poñen tamén en marcha CITIC Cyber Competition, un reto destinado ao alumnado para que poña a proba as súas habilidades en ciberseguridade.

A cita terá lugar o vindeiro 23 de febreiro e as persoas participantes poden elixir entre competir en modalidade en liña ou facelo presencialmente nas instalacións do centro de investigación atlanTTic, situado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo ou no CITIC da Universidade da Coruña. O evento está organizado polo CITIC, atlanTTic, a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade).

Catro horas para demostrar os coñecementos en ciberseguridade

Durante catro horas, as e os alumnos, de calquera nivel universitario, deberán practicar e desenvolver as súas habilidades no ámbito da seguridade informática. En equipos de entre unha e cinco persoas, enfrontaranse a diferentes retos relacionados con diversas temáticas, como a esteganografía, é dicir, as técnicas que permiten ocultar mensaxes ou datos dentro doutros de xeito que non se perciba súa existencia; a ciencia forense ou o pentesting, unha práctica consistente en atacar un sistema informático coa intención de atopar as súas debilidades de seguridade.

Para participar só é preciso ter un ordenador con conexión a internet e inscribirse antes do 15 de febreiro a través do seguinte enlace. Entre os equipos que compitan nesta cita e obteñan a mellor puntuación entregaranse tres premios por valor de 1000 €, 700 € e 300 €, así como agasallos para todas as persoas participantes en modalidade presencial. Estes galardóns están financiados pola Cátedra R en Ciberseguridade.

Programa do acto

A xornada arrancará ás 15.30 horas, cunha mesa de apertura na que participarán Martín Llamas, director de atlanTTic; Manuel F. González Penedo, director do CITIC da Universidade da Coruña e Alfredo Ramos, director de R e grupo Masmovil en Galicia. A partir das 16.00 horas comezará a competición e os gañadores desvelaranse ás 20.00 horas. As persoas encargadas de entregar os galardóns serán Ana Fernández Vilas, coordinadora do MUNICS na Universidade de Vigo e Francisco Javier Nóvoa, coordinador do MUNICS na Universidade da Coruña.