Universidade de Vigo

atlanTTic participa coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo na nova edición da G-Night

O próximo venres 30 de setembro terá lugar a celebración da G-Night: Noite Europea das Persoas Investigadoras. O evento, coordinado pola Universidade de Vigo, contará coa participación de investigadoras e investigadores en representación da comunidade científica galega. A G-Night levará ás principales cidades galegas unha variedade de relatorios, obradoiros e actividades de divulgación científica para tódolos públicos. Na actual edición, atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo), xunto coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) da Universidade de Vigo, participará no evento.

Expo-feira científica no Berbés

O noso persoal investigador presentará varias actividades e proxectos na expo-feira científica da G-Night que terá lugar na Praza do Berbés de Vigo, de 18:00 a 21.00 h. O obxectivo destas presentacións é o de aproximar a tecnoloxía á cidadanía e o de mostrar as súas achegas no ámbito das telecomunicacións.

Como chega a información a través do aire? De que elementos se compoñen estas tecnoloxías? Como traballa a xente que as deseña?

Durante a G-Night en Vigo, un dos nosos investigadores e docente da EET, Felipe Gómez Cuba, organizará xogos e manualidades para o público infantil. Estas actividades teñen o obxectivo de amosar dun xeito sinxelo o funcionamento das redes de comunicación. Ademais, o investigador, contará como traballan o persoal investigador que desenvolve eses sistemas. Finalmente, amosará equipos de laboratorio reais, para así achegar as telecomunicacións á sociedade.

AdEII, unha app para o autocoidado de pacientes con Crohn e colite ulcerosa

Por outra banda, a docente Rebeca Díaz Redondo, Directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e investigadora do centro, e Manuel Caeiro, investigador de atlanTTic e tamén docente da EET, presentarán o proxecto AdEII. Este, trátase dunha app para mellorar o seguemento das pautas e tratamentos médicos de doentes con Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII). Os/as doentes interactúan con vídeos e tests a través dun bot de Telegram. O sistema, pensado para enfermidades como a Crohn e a colite ulcerosa, emprega  unha metodoloxía baseada no microlearning. Neste proxecto colaboramos cun equipo de persoal médico especialista da Fundación Biomédica Galicia Sur.

Estades tod@s convidad@s a esta data tan especial para a comunidade científica. Vémonos no Berbés!

Ciencia no bar en Pontevedra

Dentro do programa de actividades de ‘Ciencia no bar’ de Pontevedra, José Carlos López Ardao, investigador do centro de investigación atlanTTic e profesor da EET, ofrecerá a charla A intelixencia artificial que nos rodea no bar La Gramola (Praza de Mendez Nuñez, 1) ás 20.30 horas.

Tras explicar de xeito sinxelo que é a intelixencia artificial e cales son os distintos tipos, fará un pequeno repaso polos casos máis habituais de emprego da intelixencia artificial que nos rodea no noso día a día, e en moitos casos pode que nin sequera sexamos conscientes dela.