atlanTTic participa na posta en marcha dunha rede 5G ultraavanzada única en Europa

A Universidade de Vigo, como responsable do Laboratorio 5G e centro de investigación de referencia nestas cuestións, acolleu este xoves a presentación de resultados da primeira proba piloto que se realizou en Galicia, e das primeiras que se fixeron a nivel mundial, de Network Slicing 5G, unha tecnoloxía ultraavanzada que permitirá xerar novos servizos e avanzar na transformación dixital da sociedade.  O consorcio encargado de pór en marcha o proxecto, integrado polo Grupo de Tecnoloxías de Información da Universidade de Vigo e as empresas Telefónica, Securitas, Alisys, ZTE e Cisco, presentaron este xoves os principais resultados deste proxecto, un traballo co que se conseguiu despregar e implantar a primeira rede europea 5G SA, unha “rede virtual” que ofrece servizos que van moito máis aló do que ofertan as actuais redes 5G e que permitirá nun futuro próximo a creación de redes a medida para cada tipo de cliente ou sector (industria 4.0, smart-city, emerxencias…). Neste caso a proba piloto empregou a robótica máis avanzada como complemento ás tarefas de vixilancia física dun recinto: o propio campus universitario de Vigo.

A presentación tivo lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación,  sede tamén do centro de investigación atlanTTIc da Universidade de Vigo ao que pertence o Grupo de Tecnoloxías da Información e nela coincidiron o reitor, Manuel Reigosa; a directora da escola, Rebeca Díaz; a xerente de Innovación de Telefónica España, Mercedes Fernández, e o director de Innovación de Securitas Seguridad España, Germán Ibañez, así como distintos responsables de todas as empresas que participaron no consorcio, entre eles os investigadores Felipe Gil e Javier González Castaño, responsables na UVigo deste proxecto.

Na súa intervención o reitor aproveitou para amosar a súa satisfacción por todo o traballo que se está desenvolvendo na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e no centro de investigación atlanTTic, “un dos sete recoñecidos como tal pola Xunta de Galicia e dos que está a acadar resultados de investigación máis salientables”. Respecto a este proxecto, Reigosa destacou que con el a Universidade “abre unha xanela ao futuro”: por unha banda, porque se están a probar novas tecnoloxías, neste caso centradas no 5G, un tema clave para o desenvolvemento tecnolóxico da sociedade e no que a EET é “tremendamente forte” e, pola outra, porque se colaborou con empresas de primeiro nivel, “un exemplo máis desa colaboración público-privada que está inserida no ADN da nosa Universidade e que agora está tan de moda  cos fondos Next Generation”, recalcou o reitor.

Esta proba-piloto sitúa a Galicia na vangarda das tecnoloxías 5G

Con este proxecto, que sitúa a Galicia na vangarda deste tipo de tecnoloxías, séntanse as bases das funcionalidades 5G que estarán dispoñibles na rede comercial  a medio prazo. No consorcio cada un dos socios tivo o seu papel. Pola súa banda, a Universidade de Vigo participou como centro de investigación en redes 5G e colaborador activo no deseño, despregamento e validación do demostrador; Cisco foi o provedor do núcleo da rede 5 G SA e do software que facilita a virtualización, orquestración e automatización de servizos, proporcionando tamén os recursos de computación (servidores) e de transporte (switches), mentres que ZTE proveu as súas solucións comerciais de radio 5G SA e os teléfonos intelixentes que permiten o acceso, diferenciación e multiplexado dos clientes nas diferentes redes lóxicas creadas.

Pola súa banda Alisys, como partner de Boston Dynamics en España, foi o provedor do robot, así como da plataforma de software que permite a teleoperación do dispositivo cuadrúpede, que capta a imaxe termográfica da contorna, e imaxes 360º para trasladalas en tempo real ao posto de control, proporcionando información inmediata da contorna ao persoal de seguridade e, pola súa banda, Securitas colaborou na implementación da solución de seguridade baseada nas devanditas tecnoloxías.

Exemplica o salto da investigación básica ao cliente final

Por parte da Universidade de Vigo Felipe Gil subliñou que, grazas a este traballo, se puido acompañar a todas a estas empresas nos diferentes pasos que levan desde a investigación básica nos conceptos que están detrás da virtualización da rede á súa aplicación práctica nun escenario realista.  “Este camiño axudounos a coñecer a fondo todo o esforzo que teñen que realizar os fabricantes de equipos, os operadores e os integradores para facer chegar os resultados da investigación aos usuarios, o que nos permite orientar mellor o noso traballo á súa aplicación práctica”, resaltou Gil, ao que a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz engadiu que, para este centro é un orgullo que os seus docentes e persoal investigador traballe sempre á vangarda da tecnoloxía. “Os éxitos alcanzados nestes ámbitos trasládanse a todos os ámbitos formativos e así garántese que a formación do estudantado a todos os niveis (grao, máster e doutoramento) sexa punteira, o que se reflicte nunha alta demanda destes perfís formados nesta escola”, recalcou a directora.

No salto da investigación básica ao cliente final tamén se fixo fincapé desde Telefónica. Neste senso, a súa xerente de innovación, Mercedes Fernández, explicou que a tecnoloxía Network Slicing, aplicada ás redes 5G Stand Alone permitirá ofrecer servizos a medida de cada cliente, cunha calidade de servizo específica. “Con esta proba de concepto ofrecemos unha visión de como as redes 5G ultra evolucionadas repercutirán de forma directa na transformación dixital das empresas e da sociedade no seu conxunto”, recalcou a experta.

Ultrabaixa latencia e extrema velocidade na fluidez dos datos

A proba piloto aplicou todas estas tecnoloxías a un servizo de vixilancia remota, empregando para isto o robot Spot da empresa Boston Dynamics que, conectado a esta rede 5G ultraavanzada, ofrece todo un abano de posibilidades para que estes dispositivos poidan operar en situacións de emerxencia e peligrosidade, incrementando a seguridade das persoas “gracias á ultrabaixa latencia e á extrema velocidade coa que flúen os datos”, tal e como subliñou Rodolfo de Benio, director de Transferencia Tecnolóxica de Alisys.

Nesta mema liña, o responsable de Innovación de Securitas, fixo fincapé en que a confluencia dos avances en conectividade, robótica e seguridade electrónica fan que este “concepto futurista da protección sexa unha realidade que moi pronto podería formar parte das solucións de seguridade máis avanzadas”.

Durante toda a presentación fíxose fincapé en que as redes 5G deben ser flexibles e programables para adaptarse de forma dinámica aos distintos casos de uso e, neste sento, desde Cisco España, o seu director de Innovación e Transformación Dixital, Antonio Conde, amosou a súa satisfacción por ter proporcionado “o corazón da rede e as capacidades de slicing neste proxecto pioneiro que abre todo un abano de posibilidades para a dixitalización de múltiples sectores no noso país”.