O Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic gaña un desafío internacional sobre redes 5G

 

O Grupo de Tecnoloxías da Información, adscrito ao centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, acaba de facerse cun novo galardón internacional, neste caso o primeiro premio do ETSI MEC Hackaton, un certame promovido anualmente polo Instituto Europeo de Normas de Telecomunicación -European Telecommunications Standards Institute- e que se enmarca dentro do congreso internacional Edge Computing World, celebrado en liña desde San Francisco. Fíxoo cun traballo desenvolto en colaboración coa empresa Optare Solutions sobre softwarización das redes e as redes 5G.

“Este recoñecemento permítenos demostrar que seguimos sendo un dos grupos punteiros a nivel mundial en distintas tecnoloxías relacionadas co 5G”, explica o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Felipe Gil, un dos investigadores implicados neste proxecto. Xunto a el formaron parte deste traballo os tamén investigadores do Grupo de Tecnoloxías da Información Rubén Pérez Vaz e José Antonio Álvarez Fernández, así como Santiago Rodríguez e Xosé Ramón Pousa, de Optare Solutións, firma coa que adoitan colaborar. O obxectivo da competición era demostrar novas aplicacións e servizos innovadores que se poden construír utilizando as APIs para MEC do propio Instituto Europeo de Normas de Telecomunicación, é dicir, aplicacións e servizos despregados no ‘edge’ ou periferia dunha rede de comunicación 5G de cara a conseguir implementar solucións que noutro caso non serían viables debido aos requisitos de latencia, ancho de banda, etc.

Respondendo aos principais retos da videovixilancia mediante drone

A proposta que presentaron e que, finalmente, resultou gañadora consistiu nunha solución de intelixencia artificial no ‘edge’ que permite procesar o vídeo enviado por un drone, tomar decisións e actuar sobre el para que se desprace seguindo algún elemento ou persoa detectado ou realizando algún outro tipo de acción.

“A flexibilidade proposta pola nosa solución facilita a integración de novas técnicas de Intelixencia Artificial que responden a un dos principais retos da videovixilancia mediante drone”, detalla Felipe Gil. Por outra banda, o proxecto permite tamén a extensión das funcionalidades básicas dos drones proporcionando un servizo máis escalable, dinámico e adaptativo, podendo así ofrecer servizos de vixilancia específicos en función do obxecto detectado inicialmente e das súas características (natureza do obxecto, localización, etc.).

En 2019 xa conseguiran un 2º premio neste mesmo hackaton

No ano 2019, outro equipo do GTI e Optare xa participara neste mesmo hackathon, acadando o segundo premio. Nesa ocasión, a convocatoria realizárase a nivel europeo e o equipo tivera que acudir presencialmente a Londres  e facer unha demostración en vivo ante o xurado do certame. O traballo premiado nesa ocasión fora un demostrador para a Industria 4.0 no que o xurado valorara non só o correcto funcionamento do sistema, senón tamén a claridade da explicación dos seus obxectivos, a súa integración nas plataformas dos provedores e, finalmente, o correcto uso dos estándares da ETSI.

Neste sentido, Gil, que tamén formou parte dese equipo gañador que acudiu a Londres en 2019, destaca que gañar este tipo de premios supón un incentivo que os motiva para seguir traballando e son tamén unha boa forma de darse a coñecer entre a comunidade investigadora e a sociedade en xeral.

Nesta edición de 2021 os outros finalistas foron equipos das empresas tecnolóxicas Telcaria e Wipro.

Fonte: DUVI.