Universidade de Vigo

O profesor Martín Llamas Nistal presidirá a IEEE Education Society

O director do centro de investigación atlanTTic e docente da Universidade de Vigo, Martín Llamas Nistal, foi nomeado presidente electo para o período 2021-2022 e presidente para os anos 2023-2024 da IEEE Education Society. O IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) é a organización profesional técnica máis grande do mundo, con máis de 419.000 membros en 160 países, e está dedicada ao avance teórico e práctico da enxeñaría eléctrica, electrónica e informática. Pola súa banda, a EdSoc (Education Society) é unha das 39 sociedades nas que está organizado o IEEE e ten como obxectivo básico a teoría e a práctica dos métodos e tecnoloxías educativas involucradas na formación de todos os campos do IEEE.
Para o docente “é unha honra ter sido elixido polos meus compañeiros para estar na dirección da sociedade durante os próximos seis anos”. Explica que “na Education Society, o presidente está servindo durante tres etapas de dous anos cada unha: primeiro como presidente electo, tomando contacto e axudando ao presidente, logo como presidente, exercendo a máxima responsabilidade, e finalmente como presidente pasado, axudando ao presidente coa experiencia adquirida durante os catro anos anteriores”.

De cara a esta nova etapa, asume que terá “que afrontar moitos retos de futuro para estes próximos anos, algúns acelerados coa irrupción da pandemia”. Por exemplo, e dado que a Sociedade de Educación do IEEE tamén participa activamente na organización de varios congresos internacionais, terán que abordar como serán este tipo de eventos, seguramente nun formato híbrido, presencial e en liña. No que se refire ás publicacións, aposta por facer que “eses contidos de tan alta calidade sexan accesibles a todo o mundo”.
Recoñece que sen dúbida son retos ilusionantes que, “en poucas palabras, podemos dicir que contribúen desde a Sociedad de Educación ao principal lema do IEEE: avanzando a tecnoloxía para a humanidade”.

Seguir lendo no DUVI