Universidade de Vigo

A UVigo será unha das catro primeiras universidades do mundo en empregar a realidade virtual para reducir o estrés e a ansiedade do alumnado

A UVigo será unha das primeiras a nivel mundial en empregar a realidade virtual para reducir a ansiedade e o estrés do alumnado universitario. Farao como socia do proxecto europeo VRxanny, Virtual reality for anxiety and mental stress reduction in university students, un traballo financiado polo programa Eramus+ con 300.000 euros, liderado pola Universidade Politécnica de Lodz en Polonia e do que tamén forman parte a Universidade de  Lodz e a Tartu Ulikool, o centro de ensino superior máis antigo de Estonia. Este mércores e xoves tivo lugar en Lodz a reunión de lanzamento do proxecto e nela contouse coa participación do profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, un dos once investigadores da Universidade de Vigo que forma parte do equipo de traballo encargado da posta en marcha e desenvolvemento do proxecto.

Trátase de mellorar o benestar do alumnado que padece estrés e ansiedade, sobre todo ante os exames ou a presentación de traballos, e para logralo prevese a creación dos denominados ‘lugares de descanso’ no que as alumnas e os alumnos poidan relaxarse –por exemplo, xusto antes do exame- nunha contorna virtual. “O deseño parte de espazos con tres postos de actividade con realidade virtual e cada un deses postos deberá estar equipado con sistemas de mobilidade, imaxe e audio que permitan que a experiencia sensorial sexa completamente inmersiva, o que lles facilitará abstraerse do mundo que os rodea”, explica Íñigo Cuiñas, ao que engade que a aplicación terá escenarios e actividades que fomenten a relaxación e o benestar.

O proxecto está financiado polo programa Erasmus+ con 300.000 euros e prolongarase ata finais de 2023. As actividades arrancaron esta semana coa reunión de lanzamento e, a partir de agora, levarase a cabo o deseño da aplicación de realidade virtual, a adquisición do equipamento para os tres postos que se crearán en cada universidade participante, as probas reais con estudantes e as diferentes actividades de difusión da iniciativa.

A UVigo participa en todos os módulos do proxecto

A UVigo participa en todos os módulos do proxecto. Colaborará coa Politécnica de Lodz no desenvolvemento da aplicación de realidade virtual para reducir o estrés, coordina as tarefas de empatía cos estudantes, baseadas en Design Thinking, para o deseño dos espazos de descanso, e participará co resto do consorcio nas probas da aplicación en situacións reais e en todas as actividades que se organicen, principalmente dirixidas aos estudantes. “Ademais, teremos unha boa responsabilidade na documentación e na difusión dos resultados, a nivel científico e pedagóxico, pero tamén a nivel social”, explica o investigador vigués, quen leva varios meses vivindo en Lodz realizando unha estadía co grupo da Politécnica participante en VRxanny. “De feito, a coordinadora do proxecto, a profesora Dorota Kaminska, é a responsable da miña estadía aquí”, explica Cuiñas.

En canto aos participantes, o grupo de traballo da UVigo está formado por once persoas. “É un equipo multidisciplinar, aínda que con máis peso por parte da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do centro de investigación atlanTTic: hai persoas dos departamentos de Teoría do Sinal e Comunicacións, Enxeñaría Telemática, Deseño na Enxeñaría e Didácticas Especiais”, salienta Cuiñas, quen tamén apunta que se trata, ademais, “dun equipo equilibrado en canto ao xénero: cinco mulleres e seis homes; e cunha banda de idade entre os 45 e o 55 anos”.

O foco está posto no alumnado que o pasa mal antes dos exames

O foco do proxecto está posto en axudar a aqueles estudantes que o pasan mal ante os exames, as probas prácticas ou as presentacións de traballos, que lles xeran inquietude e estrés, aínda que non ata niveis patolóxicos, pois nese caso xa se falaría de persoas diagnosticadas e controladas con supervisión de especialistas por situacións graves de ansiedade ou estrés.

A previsión é deseñar para eses estudantes, “que non xestionan de todo ben os seus picos de traballo ou estrés”, toda unha serie de exercicios ou actividades a desenvolver nun mundo virtual, paralelo, que lles poidan axudar a relaxarse ante este tipo de situacións. “Penso que a maioría do noso estudantado pode atoparse nalgún intre nesta situación”, indica o responsable vigués do proxecto. “É por iso que consideramos que este traballo ten unha ampla aplicabilidade e pode resultar proveitoso para os participantes nas diferentes actividades e tamén de cara aos anos vindeiros”, recalca Cuiñas.

Unha colaboración que vén de longo

A colaboración dos investigadores de atlanTTic co equipo da Politécnica de Lodz vén de lonxe. No caso concreto do profesor Iñigo Cuiñas comezou hai seis anos, cando participou no proxecto Erasmus+ DiamonDT, que permitiu incorporar metodoloxías de Design Thinking nalgunhas materias impartidas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. “O proxecto tivo impacto en toda a Universidade, xa que como consecuencia deste creouse un curso de formación de profesorado en Design Thinking que se impartiu en cinco ocasións, con edicións nos tres campus, e varios obradoiros de Extensión Universitaria sobre a temática”, explica Cuiñas.

“Considero que a participación neste proxecto é consecuencia da continuidade na colaboración e da confianza mutua co grupo de Lodz, que é quen tivo a iniciativa, quen nos convidou a participar, e quen ten máis experiencia no desenvolvemento de aplicacións de realidade virtual. Dalgún xeito, encaixa coa experiencia previa de realización de proxectos centrados nas persoas, nos usuarios finais, e non no desenvolvemento en si mesmo”, recalca o coordinador vigués do proxecto, quen ten previsto regresar de Polonia o vindeiro mes de febreiro.