Universidade de Vigo

Vigo convértese na sede virtual do evento nacional con máis tradición na investigación en TIC

Celebrouse por primeira vez en Vigo en 1990 nos primeiros anos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Agora, 31 anos despois, regresa a Vigo o Simposio Nacional da Unión Científica Internacional de Radio, URSI, o foro de referencia para a comunidade investigadora e tecnóloga de universidades e empresas do sector TIC. Naquela ocasión, quinta edición da xuntanza, celebrárase de xeito presencial, agora as circunstancias cambiaron e a situación sanitaria recomenda a celebración virtual, mudando o auditorio físico polo pazo de congresos do Campus Remoto da Universidade.

A cita arrancou esta tarde e prolongarase ao longo de toda a semana. Con 200 persoas inscritas e un programa que inclúe 160 relatorios, catro conferencias invitadas e unha mesa redonda, será “toda unha oportunidade para amosar o desenvolvemento da Universidade de Vigo no ámbito das tecnoloxías para a docencia en liña”, tal e como explicaron os catedráticos do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadores de atlanTTic, Antonio Pino e Íñigo Cuiñas, co-presidentes do comité organizador, intres antes dunha inauguración que estivo presidida polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que deu as grazas e os parabéns ao comité organizar polo traballo realizado, e que contou tamén coa participación de Francisco Medina, catedrático da Universidade de Sevilla, presidente de URSI España.

“A pesar da situación actual e as incertezas que supón queremos que non se perda a cadencia anual do simposio, tan importante para establecer sinerxías entre os grupos de investigación do noso ámbito, e que é especialmente valioso como actividade de formación da mocidade investigadora”, salientaron desde a organización, ao que Cuiñas engadiu que “este simposio é probablemente o evento nacional con máis tradición na investigación en Enxeñaría de Telecomunicación, polo menos no que atinxe ás antenas, propagación de ondas, sistemas de comunicación, etc”. O obxectivo é dispoñer dunha plataforma na que debater, intercambiar experiencias e proporcionar posibilidades de colaboración entre os distintos grupos de traballo en áreas TIC da enxeñaría e as ciencias experimentais.

Conferencia inaugural a cargo dun ex-alumno, docente da Northeastern University de Boston

O programa desenvolverase ao longo de toda a semana, en horario de tarde e en liña. Todas as tardes terán lugar tres ou catro sesións en paralelo de 15.00 a 16.40 horas; unha sesión plenaria ás 17.00 horas e outras catro ou tres sesións en paralelo de 18.00 a 19.40 horas. “Entendemos que un programa de tarde facilita a asistencia a todas aquelas persoas que teñen docencia, maioritariamente de mañá”, salienta Cuiñas, facendo fincapé en que no encontro participan representantes de todas as universidades españolas con escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e de todas aquelas que teñen área de Teoría do Sinal e Comunicacións. “Ademais, asistirán algúns investigadores españois ou de fala castelá de universidades europeas ou americanas”. Un dos exemplos máis claros deste tipo de asistentes é José Ángel Martínez-Lorenzo, enxeñeiro e doutor pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e agora profesor da Northeastern University de Boston nos Estados Unidos, persoa á que se lle encargou impartir a conferencia inaugural do encontro, na que afondará en temáticas relacionadas coa detección de imaxes do subsolo a gran velocidade empregando a teoría da información en 4D e a fusión de campos de ondas termoacústicas, electromagnéticas e acústicas/sísmicas.

Enxeñaría biomédica, comunicacións móbiles, xeolocalización…

Para o resto de sesións plenarias contarase tamén con profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional. Mañá martes será Nuria Llombart, da Universidade Técnica de Delft, un dos centros de ensinanza superior máis importantes dos Países Baixos, a encargada de falar sobre o desenvolvemento de sensores e comunicacións de alta velocidade utilizando tecnoloxía THz. O mércores celebrarase a mesa redonda Investigación máis aló da Universidade. O xoves participará Marta Martínez-Vázquez, cunha intervención sobre diferentes consideracións de deseño para radares automotrices MMICS. A última conferencia plenaria será o venres e correrá cargo de Rafael SF Caldeirinha, do Instituto Politécnico de Leiria,  que se centrará na propagación de ondas de radio en incendios forestais.

As múltiples aplicacións das TICs en enxeñaría biomédica, cuestións relacionadas coa xeolocalización, as comunicacións por satélite, a caracterización electromagnética dos materiais, antenas, as comunicacións móbiles e sen fíos ou a innovación docente en titulacións TIC son algúns dos temas sobre os que se van presentar traballos de investigación ao longo de toda esta semana.