Universidade de Vigo

Worldplaces, o proxecto europeo que fomenta a integración laboral das mulleres migrantes mediante redes

A principios de 2022, púxose en marcha, coa participación dun grupo multidisciplinar de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, o proxecto europeo Worldplaces. Workplaces working for women’s integration. O seu obxectivo é fomentar a integración laboral das mulleres migrantes a través da creación de redes. Froito do seu traballo, vén de lanzarse Thinklusion, un portal que proporciona a profesionais da intervención socioeducativa e a persoas interesadas información, ferramentas e exemplos para facilitar a inclusión de colectivos vulnerables.

O proxecto Worldplaces está financiado pola Comisión Europea a través da Convocatoria AMIF-2020-AG-CALL (Transnational Actions on Asylum, Migration and Integration). Cun orzamento total de arredor dun millón de euros, na iniciativa participan xunto á UVigo entidades de Grecia, Alemaña, Portugal, Bélxica, Italia e Austria, sendo liderada pola Cooperativa Sociale Quid de Verona (Italia). No caso da Universidade de Vigo, participa a través de atlanTTic persoal docente e investigador da Facultade de Educación e Traballo Social; da Facultade de Filoloxía e Tradución e da Escola de Enxeñería de Telecomunicación. Coordinado polo catedrático Manuel Fernández, o equipo de Worldplaces na UVigo está integrado por Pino Díaz; Carmen Ricoy; Edita de Lorenzo; Maribel del Pozo, Íñigo Cuíñas; Enrique Costa; Manuel Caeiro e Joseba Delgado.

Metodoloxías creativas para proporcionar autonomía e inclusión

Thinklusion é un portal web de recursos que pretende “ofrecer ferramentas que axuden á integración das mulleres migrantes no seu novo contexto social e laboral”. A súa misión, subliñan, é “o empoderamento das persoas, en especial as máis vulnerables, empregando metodoloxías creativas que lles proporcionen autonomía, capacidade de adaptación e faciliten a súa inclusión”. Para acadalo, o portal facilita ferramentas e modelos destinados principalmente a profesionais da intervención socioeducativa co fin de que coñezan a metodoloxía design thinking e dispoñan de recursos para a súa aplicación con colectivos vulnerables. “Aplicamos todos os coñecementos do noso equipo de especialistas en educación, psicoloxía e enxeñaría para deseñar ferramentas de intervención que pretenden mellorar as vidas das persoas e o seu empoderamento”, subliñan desde o proxecto.

A metodoloxía proposta de design thinking, indican as e os responsables da iniciativa, “proporciona un proceso de intervención organizado en cinco fases que perseguen obxectivos delimitados e avaliables, medindo así as melloras e eficiencia no proceso de toma de decisións, tanto da organización como das persoas usuarias”. Trátase, apuntan, dun proceso estruturado que proporciona ás persoas desenvolvemento de estratexias autónomas para identificar problemas; busca de formas diverxentes e creativas para resolvelos; decisión autónoma do camiño a seguir; planificación das súas propias accións e avaliación do resultado e mellora do seu proceso.

As diferentes ferramentas propostas están organizadas en función das fases da metodoloxía design thinking (empatizar, definir, idear, prototipar ou realizar), dos instrumentos (avaliación, intervención ou organización) e do tipo de agrupamento que permiten (individual ou colectivo), podendo as persoas usuarias utilizar filtros e seleccionar aquelas que se poidan adaptar mellor á situación das persoas coas que van a intervir, ou transformándoas segundo as necesidades detectadas. A case trintena de ferramentas que xa presenta a web son moi diversas. Entre elas está a análise DAFO, para organizar as debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades coas que conta a persoa á que se destina a intervención; Memorias, para coñecer a súa propia historia mediante obxectos ou fotografías persoais; DCBE, para avaliar o seu desenvolvemento de competencias básicas de empregabilidade, ou PIC-A, para avaliar o seu pensamento diverxente (verbal, gráfico e xeral). Tamén hai ferramentas como a Ruleta das necesidades, que quere facilitar o proceso de xeración de diferentes necesidades atendendo a temáticas preestablecidas; Brainstorming cooperativo, para ofrecer ideas con utilidade para resolver cooperativamente un reto; ou Debuxa a túa idea, para representar graficamente os pasos a seguir para levar a cabo a idea proposta.

Aplicable a persoas e a organizacións

Estas ferramentas son aplicadas na web en cinco casos concretos que funcionan como modelos inspiradores e nos que se pode comprobar “como a metodoloxía design thinking pode mellorar sensiblemente a calidade de vida das persoas máis vulnerables”. Así, as persoas interesadas poden coñecer como se aplica paso a paso e de xeito moi detallado esta metodoloxía e os seus recursos en casos como o de Marie, unha muller de 35 anos procedente da República Democrática do Congo que chegou a Grecia hai 8 meses con dous fillos de 6 e 8 anos, que fala francés pero descoñece os idiomas grego e inglés, ten escasas habilidades dixitais pero conta con experiencia laboral no sector da costura.

Ademais de proporcionar recursos útiles para profesionais da intervención socioeducativa, na páxina web as persoas interesadas teñen á súa disposición “un procedemento sistematizado que pode permitir a transformación das súas organizacións nun modelo de funcionamento democrático, aberto, creativo e avaliable” baseado nesta metodoloxía design thinking.