Entre máis de 300 propostas emprendedoras de toda Europa baseadas na navegación por satélite, o proxecto CX-Geodrone, impulsado polas universidades de Vigo e de Oviedo, foi elixido como a mellor idea do ano nos Space Oscar 2019. Os seus promotores recolleron o galardón esta pasada noite en Helsinki na entrega dos premios da convocatoria Galileo Másters, promovida pola Axencia Europea GNSS, a Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitales.

galileo

.
A idea básica da que parte CX-Geodrone, como explica a súa promotora Yolanda Rodríguez, “é instalar sensores radar en drones en voos a baixa altura, unha sensórica que abre todo un novo abano de posibilidades de uso”. Entre as aplicacións nas que están a traballar está a localización de minas anti-persoa soterradas, a detección de masas forestais ou de verteduras como fuel-oil ou lixo no mar ou mesmo de restos arqueolóxicos.

Co premio á Mellor Idea do Ano Galileo Masters 2019, o xurado recoñece, ademais dos beneficios sociais inherentes a estas aplicacións, a visión empresarial clara que ten o proxecto. De feito, a idea do grupo de investigadores de Vigo e Oviedo é crear unha empresa o próximo ano co fin de comercializar a tecnoloxía desenvolvida. Para isto contan co apoio de Zona Franca que, como gañadores rexionais do concurso, lles proporciona a incubación no viveiro do edificio Aeroespacial de Porto do Molle durante un ano. Isto inclúe a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, consultoría, formación e orientación económica para converter a súa idea de negocio.

Source: DUVI