O catedrático da Universidade de Vigo e investigador do centro atlanTTic Ramón C. Hermida acaba der ser nomeado membro do College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE). Hermida acada este recoñecemento nun ano no que o AIMBE recibiu un número récord de nominacións e, tras un esixente e rigoroso proceso de selección, pasará a formar parte dun grupo de elite ao que só pertencen profesionais líderes e pioneiros, entre eles varios premios Nobel, gañadores de medallas presidenciais e membros de academias nacionais, e que ten unha íntima relación co Congreso e coas políticas públicas estadounidenses.

Hermida asume este nomeamento polos seus notables logros científicos no campo da enxeñería biomédica “coa responsabilidade que implica, xa que o College of Fellows do AIMBE ten importantes obxectivos de tipo social, especialmente en todo o ligado á mellora da saúde a través da implementación de novos métodos de prevención, diagnóstico e tratamento de enfermidades”. É dicir, non é simplemente unha designación honorífica, xa que se espera que os membros fellow contribúan á misión crítica da organización de promover a excelencia e defender a ciencia e a innovación médica.

Sobre este novo recoñecemento, o catedrático da UVigo afirma que “é, sen dúbida, o maior recoñemento de toda a miña carreira, tanto polo difícil e selectivo trámite de elección como, sobre todo, pola importancia do nomeamento e as responsabilidades que implica”. Ademais engade que “é un mérito compartido de todo o grupo xa que levamos traballando xuntos máis tres décadas”. Tamén insiste en compartilo “con todos os investigadores, tanto da Universidade de Vigo como de outras institucións, moi especialmente o Sergas”, co que colaboran no desenvolvemento dos proxectos de investigación no ámbito sanitario.

Hermida converterase oficialmente en membro fellow de AIMBE nunha ceremonia virtual que se celebrará o vindeiro 26 de marzo.

Investigacións de prestixio internacional

Na actualidade, Ramón Hermida está traballando no desenvolvemento de diversas liñas de investigación xunto co seu equipo do Laboratorio de Bioenxeñería e Cronobioloxía, pertencente a atlanTTic. Unha destas liñas está relacionada co proxecto Wearable technology for population-level influenza-type illness diagnosis, no que colaboran co National Institute of Minority Health and Health Disparities e o Departamento de Enxeñaría Biomédica da Cockrell School of Engineering (The University of Texas at Austin). Este proxecto arrancou o pasado mes de maio trala sinatura dun acordo de colaboración entre a Universidade de Vigo e o National Institute of Health (NIH). Tamén están desenvolvendo o estudo Thadeus (Tratamento de Hipertensión Arterial Durante o Sono) que ten como obxectivo valorar prospectivamente o efecto sobre o risco de eventos cardiovasculares, metabólicos e renais fatais e non fatais do control da presión arterial durante o sono, comprobando a hipótese de non inferioridade do “control intensivo” en comparación co control ata agora “convencional”.

Por outra banda, destacan os seus avances no proxecto PADES (Presión arterial durante o sono), un estudo epidemiolóxico para a determinación de factores de influencia sobre a profundidade da presión arterial ambulatoria, enmarcado dentro da rede Hygia, coordinada por la Universidade de Vigo coa participación de centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Este proxecto, tal e como explica o propio Hermida, “ten como obxectivos avaliar e comparar o patrón de variación circadiana da presión arterial mediante monitorización ambulatoria (MAPA) en suxeitos clasificados en función das súas características clínicas, demográficas, analíticas e enfermidades concomitantes, á vez que busca determinar cales son os posibles factores de influencia e o seu peso relativo, contribuíntes do perfil no-dipper e da existencia de hipertensión durante o soño determinados mediante MAPA”.

Desde 2019, Hermida é tamén Adjunct Professor no Departamento de Enxeñaría Biomédica da University of Texas at Austin, institución académica norteamericana coa que colabora noutros proxectos relacionados con temas como a termorregulación e as patoloxías do soño.

Fonte: DUVI.