A investigación de Anxo Tato gañou o premio Hisdesat

Convocados polo Colegio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación (COIT) e a Asociación Española de Ingenieros de Telecomunicación (AEIT), os Premios Ingenieros de Telecomunicación recoñecen na súa XL edición a tese do investigador da UVigo Anxo Tato Arias como a mellor en Aplicacións Espaciais. 75 traballos, entre proxectos fin de carreira, fin de mestrado, teses de doutoramento, etc, concorreron aos galardóns, que finalmente recibiron 19 investigacións, cuxos autores e autoras recibirán 2000 euros, un diploma, ademais de quedar exentos de pagara as cotas do COIT os anos 2020 e 2021. 

“A verdade é que é un orgullo moi grande. Xa non é só o moito que aprendín nesta etapa e todas as boas experiencias que vivín, senón tamén a alegría que me dá ver como a miña tese de doutoramento recibe esta distinción de carácter estatal. Unha ledicia que comparto co meu director de tese, Carlos Mosquera, e tamén con todos os meus achegados”, explica Tato, para quen gañar o premio Hisdesat á mellor tese de doutoramento en Aplicacións Espaciais supón “pechar unha etapa da mellor maneira posible, coa satisfacción de ter feito un traballo digno de tal recoñecemento”. Precisamente, foi o seu director de tese quen animou a Tato a presentarse a estes premios, que non obstante xa coñecía, posto que o seu proxecto fin de carreira xa fora galardoado nunha edición anterior. “Para enviar a túa candidatura tes que presentar unha serie de documentación explicando a afinidade da túa tese cos temas dos premios (cada empresa ou organismo patrocina un premio cunha temática concreta), e tamén a súa orixinalidade, os resultados obtidos e a súa aplicabilidade práctica. Preparar todo isto ben, deume o seu traballo, pero fíxeno con moita ilusión e con certa esperanza. E, visto o visto, parece que o esforzo daquela semana de corentena tivo a súa recompensa”, recoñece o enxeñeiro, que o pasado mes de xuño se incorporou a Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia.

Investigación de técnicas de adaptación de enlace para as comunicacións terrestres e por satélites futuras

Presentada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en decembro do ano pasado, a tese de Anxo Tato, Link Adaptation Techniques for Future Terrestrial and Satellite Communications, ten como obxectivo principal a investigación de técnicas de adaptación de enlace para as comunicacións terrestres e por satélite futuras. “Estas técnicas consisten en algoritmos para variar automaticamente os parámetros de transmisión da capa física dun sistema de comunicacións co fin de adaptarse a unha canle variante co tempo. O seu propósito último é lograr unha comunicación fiable adaptando automaticamente o bitrate, ao tempo que se optimiza o uso do espectro, maximizando a capacidade do sistema”, explica o investigador sobre o seu traballo co que se pretende escoller o nivel de protección óptimo da información que envía un transmisor, suficientemente robusto, “para que a información chegue ao seu destino, pero o máis eficiente posible, para ofrecerlle aos usuarios a máxima velocidade binaria que o canal de comunicacións permite”.

Así, na súa tese Tato propón diferentes algoritmos para comunicacións satelitais fixas e móbiles e para redes celulares 5G e máis aló de 5G. “Estes algoritmos traballan na capa máis baixa dos protocolos OSI e serven para adaptar de forma automática a velocidade binaria dun transmisor. Van escollendo en cada momento os parámetros básicos do sinal transmitido, como poden ser a modulación e a codificación, para ofrecer sempre a maior velocidade posible. Esta adaptación realizámola con diferentes técnicas, entre as cales exploramos tamén algoritmos de intelixencia artificial”, detalla o autor da tese premiada. 

Pendente de entregar o TFM do Mestrado de Profesorado, coa súa incorporación a Gradiant, Tato explica que abandonou a vida académica para participar en investigacións máis aplicadas, en proxectos máis próximos ás demandas da industria. “Pero aínda así o meu traballo en Gradiant está moi relacionado con todo o que o fixen e aprendín durante a miña etapa predoutoral”, aclara. 

Source: DUVI.